BNG propón melloras na Lei Xeral de Telecomunicacións para garantir un servizo universal e de calidade

Néstor Rego
Néstor Rego

Varias das emendas presentadas polo BNG, como as dirixidas a asegurar o mantemento do servizo, sobre a velocidade mínima de acceso a internet e priorizar o acceso ás novas tecnoloxías nos núcleos de poboación máis pequenos e no entorno rural, foron xa incorporadas ao texto durante o debate da lei en comisión.

Mantén vivas o resto de emendas, entre as que destaca a referida a que non poda iniciarse a migración ou apagado dunha rede sen antes certificar a existencia de alternativa equivalente para a persoa usuaria.

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou emendas a Lei Xeral de Telecomunicacións para asegurar e avanzar nun servizo de calidade e pór as bases que permitan garantir unha adecuada cobertura de internet e telefonía na Galiza, tanto nas zonas rurais como periurbanas e urbanas. A organización nacionalista conseguiu que fosen incorporadas diversas emendas que van nesa liña a través de transaccións e mantén vivas o resto para a súa votación esta quinta feira no pleno do Congreso, entre as que poden destacarse as referidas a que as compañías de telecomunicacións cobren de maneira xusta ás persoas usuarias polos servizos prestados e as referidas a evitar o corte do servizo sen facilitar unha alternativa viábel cun prezo accesíbel.

En primeiro lugar, cabe destacar que a lei realiza unha definición do servizo universal de forma ambigua e non tecnolóxica, por iso, a organización frentista propuxo concretar esa definición e asegurar unha velocidade mínima de acceso a unha conexión de banda ancha en 10 Mbit por segundo en sentido descendente. Así mesmo, estabelécese a posibilidade de incrementar ese mínimo, adaptándose á evolución social, económica e tecnolóxica futura, mediante desenvolvemento regulamentario. 

Así mesmo, Rego explica que os servizos da internet de banda larga a consumidores de rendas baixas ou con necesidades sociais especiais non deberían ter límite de volume máximo distinto dos de "condicións normais", pois resultaría discriminatorio. “Así, agora deberá regularse cando os operadores poden, no marco destas opcións ou paquetes de tarifas sociais, dispoñen da posibilidade ou non de fixar un volume máximo de datos a transmitir no servizo de acceso a internet de banda larga” explica o deputado nacionalista.

Na inmensa maioría dos casos os paquetes contratados non se levan a cabo de maneira efectiva por parte das operadoras, sobre todo nos referido á velocidade de redes da internet. Con todo cobran como se prestasen o servizo íntegro. Neste sentido, o BNG logrou engadir un novo punto que exixe “o cumprimento das condicións de velocidade de acceso a internet e de prestación dos servizos normativamente estabelecidos así como os que figuren nos correspondentes contratos cos consumidores”.

Por outra banda, o BNG mantén vivas para a súa votación no pleno do Congreso o resto de emendas presentadas para este Proxecto de Lei. “Unha delas é referida a garantir a subministración e mesmo o mantemento do servizo. Queremos que non se poida iniciar a migración ou o apagado dunha das redes sen antes certificar a existencia da alternativa equivalente ás persoas usuarias” subliña Rego, como está a pasar en lugares da Galiza como o Courel. O deputado procura, nunha emenda que aínda non foi aceptada, garantir o servizo e non deixar sen alternativa as persoas usuarias.

Aliás, a organización nacionalista propón limitar o acceso ao cifrado, para evitar que a Administración poida ter acceso a calquera comunicación, o que suporía unha grave intromisión na privacidade das persoas e organizacións. “Entendemos que a obrigación de facilitar o descifrado debería ser sempre con autorización xudicial igual que se estabelece no artigo 59 referido á interceptación de contidos” subliña Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG