parlamento galego

BNG propón a Medio Rural poñer en marcha un novo sistema para rematar coa praga da avespa asiática e o PP vota en contra

Mini Rivas
Mini Rivas

Xosé Luís Rivas explicou que o sistema denominado “técnica de troianos” foi probado con éxito en Asturias constando a diminución  con éxito do número de exemplares da especie depredadora

A proposta nacionalista tamén inclúe a creación  dun  Comité Asesor con representación dos sectores afectados e deseñar dende a Administración  unha campaña de trampeo masivo para a próxima primavera

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, (Mini) propuxo á consellería de Medio Rural,  a través dunha proposición non de lei aplicar “experiencias de control remoto” con resultados altamente positivos como as realizadas en diversos concellos de Asturias.

Neste sentido, explicou que o día 5 de novembro, no Congreso de control sobre este insecto que organizou a Asociación Galega de Apicultura (AGA) en Chantada en colaboración co GDR  foron presentadas experiencias  e co aval de varios anos de ensaios  que constatan a súa efectividade e denominada a “técnica de troianos” que consiste na captura de modo intensivo, e un por un, de exemplares de tártagos recolectores, aos  que se inmobiliza e  meticulosamente se lles coloca unha mínima carga de biocida no abdome e posteriormente liberados para que transporten este biocida ó niño. Ao  cabo de poucos días, “a presenza de tártagos é case nula”. En Asturias, o sistema, dixo, está “sufragado polo goberno”.

Rivas engadiu que en Galicia,  principalmente na costa atlántica, xa se tiñan feito experiencias deste tipo pero sen a dedicación suficiente para constatar os resultados.

Sexa eficaz ou non, preguntou o deputado, porque non facemos a proba e comprobamos a súa eficacia?. A Consellería de Medio Rural non pode seguir “mirando para outro lado” porque a velutina comezou na costa pero sabe adaptarse e está “rebentándoo todo”. A nosa alimentación, advertiu Rivas, está en risco ademais dos problemas de saúde que provocan as picaduras desta avespa.

O deputado insistiu na necesidade de crear un Comité Asesor de carácter transversal que coordine e informe todas as experiencias, investigacións e estratexias de control desta especie invasora. Neste Comité estarían representados todos os sectores afectados por esta especie invasora e predadora.

Por outra banda, urxe  deseñar e levar a cabo unha campaña de trampeo masivo para a próxima primavera de parte da Administración previo asesoramento do citado Comité, deseñar  e levar a cabo un Plan Piloto de Control Remoto arredor de varias zonas representativas da presenza e presión do tártago, avaliación de resultados e análise no Comité Asesor, da súa implantación.

Ademais dixo, os datos do Seaga a respecto da retirada de niños  deben facerse públicos incidindo na “localización e se é o caso, tamén no trampeo.

Xosé Luís Rivas lembrou que  os exemplares  detectados son menos dun terzo dos que se calcula que existen e que non se ven. “O trampeo resulta efectivo na primavera como primeiro freo para as raíñas que saen da hibernación, e logo durante o verán e o outono supón un xeito de catarse e vinganza, mais non resulta efectivo porque semella coma que cantas máis caen nas trampas, máis aparecen. Polo tanto, o trampeo só non vale”.

Visto o considerable aumento de avisos e a presión brutal que sobre case todo o territorio se constatou este ano, todo parece indicar que para a próxima primavera o número de raíñas e de niños primarios vai ter un crecemento exponencial, polo que vai ser necesaria unha campaña de trampeo masivo e deseñado e tutelado desde a Administración, concluíu.

Os votos do Partido popular  impediron que a proposta do BNG prosperara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG