BNG propón consensuar un novo decreto para a normalización do galego no ensino, pero o PP négase a abrir o diálogo

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Manuel Lourenzo recrimina á Xunta o seu “negacionismo” sobre a situación da lingua desoíndo a toda a comunidade sociolingüística internacional

BNG propuxo á Xunta no Parlamento galego que inicie un proceso de diálogo para a elaboración dun novo decreto para a normalización do idioma galego no ensino no que se contemplen as recomendacións da Real Academia Galega, dos representantes do profesorado, alumnado, familias, movementos sociais e de renovación pedagóxica, así como doutros axentes implicados na defensa e promoción do idioma galego. 

“Dende o BNG reivindicamos o consenso lingüístico; o mesmo consenso que o Consello da Cultura Galega, a Proposta de Bases para un acordo pola Normalización Lingüística no Ensino, a Unesco, a Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN), o Consello de Europa, a Carta Europea das Linguas Minorizadas ou a Real Academia Galega (RAG)”, apelou ao PP o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, quen defendeu en Pleno parlamentario a derrogación do actual decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario, así como a elaboración, en colaboración coa RAG, o Instituto da Lingua Galega e os diferentes axentes da comunidade educativa, dun plan de normalización do galego no ensino coa dotación orzamentaria axeitada.

Na defensa da moción nacionalista -que tamén recollía acordar cos organismos promotores da Proposta de Bases para a Normalización Lingüística no Ensino un documento de traballo para elaborar un novo marco normativo para o galego no ámbito educativo-, Lourenzo advertiu que os datos sobre a involución da lingua no País son moi preocupantes: o 24% dxs menores de 15 anos non saben falar galego; só o 14% das nenas e nenos de hoxe ten como lingua inicial o galego e dese 14% o 10,5% pérdeno no primeiro contacto coa educación infantil; o 40% dos centros infantís das cidades non emprega nunca o galego e o 76% usa maioritariamente o castelán e na Secundaria de ámbitos urbanos e periurbanos, só 1 de cada 10 nenxs fala galego, segundo datos da RAE e o Instituto Galego de Estatística (IGE).

“Señores e señoras do PP, sumámonos a acadar un consenso que a realidade porque a realidade é que precisa de medidas de apoio o galego ou dicimos que isto é liberdade?”, cuestionou, para a continuación engadir “ou prefiren competir coa ultradereita xunto con VOX para ver quen é o campión do negacionismo e do prexuízo?”. Para o deputado nacionalista, fronte as preocupantes estatísticas e ante o prexuízo, só existen dúas opcións: negalo e interiorizalo ou combatelo. “E vostedes negan os datos obxectivos e fanse trampas ao solitario para xustificar o seu negacionismo”, recriminou á bancada do PP en alusión á extrapolación que fai de determinados valores sociolingüísticos para negar a grave situación na que se atopa a lingua galega. “Non sabemos de onde sacan os datos, todxs pensamos o mesmo menos a Secretaría Xeral de Política Lingüística; isto non o di o BNG, estállelo dicindo a Real Academia Galega”, reprobou.

Ante o voto negativo do PP a unha iniciativa que pretende abrir un proceso de diálogo que leve de novo ao consenso lingüístico, Lourenzo afeoulle que en plena campaña electoral se reunise cos impulsores da Proposta de Bases para acadar un acordo para a normalización lingüística no ensino “e pasadas as eleccións, o vetaron cada 15 días, comisión tras comisión de Educación” no Parlamento. “Igual é isto o que vostedes entenden por liberdade; igual tamén entenden por liberdade e igualdade que 1 de cada 4 nenos e nenas deste País non saiba falar galego”, censurou.

O portavoz de Educación do BNG reprochou á Xunta os distintos informes do Consello de Europa sobre os seus incumprimentos sistemáticos en materia lingüística. “Que non se lles salgan as cores na cara con estes informes e que veñan aquí a presumir que a lingua de Europa que tivo unha maior caída de falantes habituais nas últimas 5 décadas, case 60 puntos, nunha situación que vostedes chaman cordialidade, liberdade e igualdade, de verdade que é algo digno de ver porque está en colisión absoluta con que está dicindo toda a sociolingüística internacional”, advertiu, para a continuación concluír que “vostedes terán que explicar por que preferiron agradar a aqueles que en Madrid lles din que política lingüística deben aceptar antes que apostar pola normalización e polo futuro desta lingua”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG