O BNG propón unha comisión que investigue a venda de Ferroatlántica e un plan industrial que garanta o mantemento da actividade e do emprego

Ana Pontón
Ana Pontón
Reunión da portavoz nacional, Ana Pontón, cunha representación do comité de empresa das plantas de Cee-Dumbría no Parlamento
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cunha representación do comité de empresa de Ferroatlántica despois de que o até agora propietario a través da multinacional Ferrogloble, Juan Miguel Villar Mir, vendese as plantas de Cee e Dumbria a un fondo americano por 170 millóns de euros, incluíndo a concesión das dez centrais eléctricas vinculadas ás plantas da Costa da Morte.

Tras o encontro, a líder nacionalista anunciou que vai levar ao Parlamento unha dobre iniciativa: reclamarlle ao presidente da Xunta que cumpra coa palabra dada precisamente en sede parlamentaria e esixa da empresa un plan industrial que garanta o futuro de Ferroatlántica nunha comarca na que xera 400 empregos directos.

E, en segundo lugar, avanzou que o BNG vai trasladar ao resto dos grupos do Parlamento a creación dunha comisión de investigación que analice a compra-venda das plantas e a xestión levada a cabo por Villar Mir ao longo de case trinta anos.

“A venda afecta tanto á fábrica situada na Costa da Morte como as dez centrais hidroeléctricas e supón un novo caso de libro da política industrial do Goberno de Feixóo: permitir que un empresario amigo do PP faga caixa cos recursos naturais de Galiza, para que poda tapar parte das súas débedas”, criticou Pontón.

                                    E isto, afondou, “faino un empresario vinculado ao financiamento ilegal do PP e todo gratis, sen a máis mínima garantía de mantemento dos postos de traballo, sen a presentación dun plan industrial de futuro e sen que Villar Mir retire o recurso presentado para conseguir a segregación das centrais eléctricas, o que suporía o principio do fin para  fábrica de Cee-Dumbría, un golpe moi duro para unha zona con graves problemas económicos e demográficos”.

Por iso, o BNG vai esixirlle a Feixóo “que cumpra a palabra dada e  reclame un plan de viabilidade a Ferroatlántica, un plan que aposte pola modernización, polo emprego e por darlle futuro ás plantas da Costa da Morte”.

En relación á proposta de crear unha comisión de investigación, o obxectivo é que analice tanto a operación de compra-venda como a xestión levada a cabo por Villar Mir desde se fixo coas plantas de Cee e Dumbria, “porque é importante coñecer se os beneficios das centrais redundaron na Costa da Morte ou se houbo fraude de lei porque en lugar de usar eses beneficios en beneficio do país, estiveron fuxindo e acabaron incluso financiando de xeito irregular ao PP”, recalcou Pontón.

A dirixente nacionalista transmitiu aos representantes do comité de empresa “todo o apoio e solidariedade” do BNG na súa loita e na súa mobilización constante en defensa do futuro de Ferroatlántica. “Non é tolerable que unha multinacional poda explotar os recursos naturais do país, facer caixa con eles e todo iso sen garantías de emprego, sen plan industrial de futuro e, por riba, sen levantar a ameza do recurso para segregar as centrais eléctricas”, subliñou.

Sen información os traballadores e traballadoras

Foi precisamente a mobilización dos traballadores e da veciñanza da comarca a que logrou evitar, polo momento, esa desvinculación das centrais da actividade industrial, “e non imos quedar de brazos cruzados mentres se sigue destruíndo emprego industrial”, concluíu.

Pola súa parte, desde o comité de empresa denunciaron a total falta de información por parte do Goberno galego tras a operación de compravenda, “non temos nin un só documento da Xunta”, salientan, ao tempo que lembran o compromiso de Feixóo de esixirlle a Ferroatlántica un plan de viabilidade e, nese sentido, avanzan que van seguir coas mobilizacións até conseguir garantías de futuro para as plantas, de mantemento do emprego e da actividade industrial.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG