BNG propón actualizar as dietas por quilometraxe exentas de tributación a 0,30€/Km, limitadas dende 2007 a tan só 0,19€/Km

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández defende elevar este tope legal dada a espectacular alza dos prezos e recorda que en Euskadi e Navarra xa está en 0,29 e 0,32€/Km       

O BNG propuxo no Parlamento galego demandar do Goberno estatal a modificación das cantidades exentas de tributación por quilometraxe que perciben as persoas traballadoras por conta allea polos desprazamentos laborais co obxectivo de situalas en 0,30€/Km, fronte aos 0,19€/Km nos que continúan limitadas dende 2007.

O portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, recordou na defensa desta iniciativa en comisión parlamentaria que o tope de 0,19€/Km estipulado no Regulamento do IRPF nunca foi revisado, pese á “espectacular alza dos prezos” que, segundo recalcou, “débese en boa parte aos prezos dos combustibles” cuxo incremento entre 2011 e 2021 sitúase no 10% no gasóleo e até case o 17% no caso da gasolina sen chumbo 98.

Fernández advertiu que os prezos dos carburantes non so os únicos que acumulan fortes subas e, neste sentido, recordou que o aumento dos da adquisición de vehículos sitúase no mesmo período no 12,5%; no 17%, no caso do mantemento e no 30%, no das pólizas de seguros.

Vista a inflación de todos estes conceptos que afectan aos desprazamentos, o deputado nacionalista defendeu a necesidade de elevar o límite de 0,19€/Km ata os 0,30€/Km por tres razóns fundamentais, a primeira, por entender que non se trataría só de aplicar a suba de prezos, senón de mellorar a cobertura dos custos reais soportados pola persoa traballadora por conta allea cando pon o seu vehículo a disposición da empresa, incorporando todos os conceptos.

De igual xeito, subliñou que situar o tope legal en 0,30€/Km non significa que vaia ser a cantidade que teña que aboar a empresa, senón que poderá ser menor ou maior en función dos convenios colectivos ou de pactos concretos nos propios contratos de traballo. E, por último, apelou a que xa existen referencias legais neste sentido dentro do territorio estatal, como é o caso das tres facendas provinciais de Euskadi (cun tope exento en 0,29€/Km) ou a de Navarra (que o fixa en 0,32€/Km).

O deputado nacionalista afeou ao PP o seu veto a esta iniciativa, á que presentou ademais unha emenda de substitución “absolutamente indeterminada e nada construtiva”, na que nin sequera se remitiu a ningún estudo sobre a evolución dos prezos e na que, por riba, apelou a compensar “parcialmente” a suba dos carburantes. “Por que parcialmente? Parece que pretenden vostedes que as persoas traballadoras soporte parte desa suba”, concluíu.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG