Galegas 2024

BNG promoverá a declaración do Entroido tradicional galego como patrimonio cultural inmaterial da humanidade

Entroido de Merza
Entroido de Merza
Luís Bará asistiu hoxe en Merza ao alto dos Xenerais da Ulla e subliñou a importancia destas celebracións como elementos de identidade e a súa potencialidade para a dinamización turística de zonas rurais

O goberno do BNG promoverá dende a Xunta de Galiza a declaración do Entroido tradicional galego como patrimonio cultural inmaterial da humanidade por parte da UNESCO. O cabeza de lista do Bloque por Pontevedra así o asegurou hoxe na súa visita a Merza, en Vila de Cruces, onde asistiu ao alto dos Xenerais da Ulla e subliñou a importancia destas celebracións como elementos de identidade e a súa potencialidade para a dinamización turística de zonas rurais.

Bará, acompañado do responsable comarcal do Deza Xoán Blanco e outras persoas integrantes da formación nacionalista, avogou por elevar o recoñecemento ao Entroido tradicional galego, que vén de iniciar o recoñecemento nos últimos días para ser Ben de Interese Cultural, ata chegar ao ámbito internacional por parte da Unesco.

O número un da lista por Pontevedra lamentou que o Partido Popular tardase cinco anos para a tramitación da declaración de BIC, e anunciou que o BNG rescatará tamén a declaración da música e baile tradicional como BIC, xa que a Xunta deixouna caducar sen aprobar.

En canto ao Entroido tradicional do país como patrimonio inmaterial estudarase en coordinación co tecido asociativo, os concellos e o goberno portugués a posibilidade de promover unha candidatura conxunta co norte de Portugal polas “similitudes, relación histórica e porque daría máis forza e proxección”.

Salientou os beneficios que esa declaración suporía en termos de conservación patrimonial, pero fixo fincapé tamén no prestixio internacional que daría á celebración desde o punto de vista do turismo cultural, e especialmente “do turismo da experiencia, das tradicións, das raíces”, sobre algo que se desenvolve apenas unhas semanas ao ano e que obriga a vir no inverno, fóra da tempada alta, para velo.

Neste sentido, o cabeza de cartel destacou que o BNG á fronte do goberno galego traballará para fomentar as festas e celebracións históricas xeradoras de identidade, de coñecemento do pasado, de dinamismo social e económico, e de atractivo turístico, sempre dende a sustentabilidade.

Falou tamén da necesidade de deseñar un Observatorio do Patrimonio Galego, unha ferramenta que permita estar á vangarda na xestión e posta en valor do legado histórico e cultural, material e inmaterial da Galiza, en todas as súas fases clave: conservación e restauración, investigación, formación, documentación e difusión.

“No pobo galego sentimos orgullo da nosa identidade, das nosas raíces e da nosa historia. Ese sentimento de querenza e de pertenza ten unha enorme forza de cohesión, de mobilización e de transformación, e tamén permite a dinamización de zonas rurais xerando actividade económica”, asegurou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG