BNG presenta cinco propostas urxentes para combater a brutal suba de prezos en produtos de primeira necesidade

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil presenta as medidas para rebaixar o IVE na alimentación e electricidade, incrementar os salarios, prestacións sociais e pensións  e un Plan urxente de  axudas para os sectores pesqueiro e agrogandeiro

Pide a Feixóo que dimita se vai continuar sendo un Presidente da Xunta a media xornada, nunha situación de emerxencia económica en Galiza

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil presentou cinco medidas urxentes para combater as consecuencias da suba disparada dos prezos que están afogando ás familias, pequenas e medianas empresas, traballadoras e traballadores e aos principais sectores produtivos.

Hoxe temos fogares, afirmou a nacionalista,  que teñen que escoller entre “pagar as facturas e comer e empresas  que non saben se mañá poderán erguer a persiana”. Esta situación económica e tamén social,  precisa de medidas urxentes e nesa liña van as nosas propostas: baixada do IVE nos produtos de alimentación, hixiene persoal, produtos do mar, no transporte público e a “redución permanente do IVE para a electricidade” porque a luz é un ben esencial para a nosa vida e o noso traballo.

Ademais, reclamamos unha redución dos impostos sobre os hidrocarburos para rescatar ás persoas traballadoras que se ven obrigadas a desprazarse cada día e ao sector de transporte, un dos máis afectados pola escalada de prezos. Outra das medidas que propoñemos, engadiu é “unha intervención pública sobre os beneficios chovidos do ceo ás eléctricas” para garantir que a enerxía hidráulica e a nuclear se paguen ao custe real da súa produción, porque hoxe, denunciou a nacionalista,  “estamos pagando salchichón a prezo de percebes” por un sistema de poxa totalmente “inadmisible” e con  empresa que se están a lucrar “do empobrecemento no noso país”.

Por outro lado, tamén indicou que outra das medidas está destinada  ao incremento do Salario Mínimo Interprofesional, das pensións mínimas e do complemento autonómico das pensións non contributivas, “conxelado desde que Feixóo goberna Galiza”.

Asemade, dentro das propostas figura a actualización e suba do Ingreso Mínimo Vital e a RISGA así como a “reforma da lei de Inclusión social de Galiza”  para garantir a complementariedade das dúas prestacións.

En quinto lugar, o BNG exixe a aprobación dun Plan de compensación  para os sectores pesqueiro e agrogandeiro con axudas. Neste sentido, criticou as declaracións do conselleiro de Medio Rural anunciando “unha hecatombe” nun dos sectores estratéxicos en Galiza, sen que “a Xunta faga nada para evitar ese descalabro” e resulta “inadmisible” que un responsable político anuncie o peche de explotacións agrogandeiras sen poñer enriba da mesa ningunha medida económica para impedilo.

Estas propostas, remarcou Rodil,  son “realistas, xustas e factibles para rescatar ás persoas e aos sectores máis afectados” pola suba dos prezos.

Galiza non merece un presidente a  media xornada

A preguntas dos xornalistas sobre a xira do Presidente da Xunta como candidato á presidencia do Partido popular, a viceportavoz do grupo parlamentario do BNG considerou que “Galiza non merece un presidente a media xornada”, sobre todo  nun momento tan crítico como o que estamos a vivir. “Queremos un Presidente da Xunta a tempo completo e desde que Feixóo antepuxo os intereses do seu partido e a súa ambición política e persoal para facer carreira en Madrid non está aquí e si vai a continuar a media xornada que presente a súa dimisión”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG