Congreso

BNG presenta máis de cen emendas á nova Lei de Educación

Néstor Rego
Néstor Rego
A fronte nacionalista aposta en que a lei estatal sexa de mínimos, que respecte as nosas competencia exclusiva e que permita desenvolver, no ámbito da Galiza, unha lei de educación propia que asegure un ensino público de calidade e na nosa lingua.

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha batería de máis de cen emendas ao proxecto presentado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional para a reforma da Lei de Educación. As propostas do BNG pretende asegurar que a lei de educación estatal respecte as competencias exclusivas da Galiza, que aposte nun sistema educativo verdadeiramente público, asegure a educación en lingua galega e dote dos recursos materiais e humanos necesarios para que sexa unha educación de calidade.

O BNG considera necesario corrixir aqueles aspectos do Proxecto que invaden competencias galegas, así como garantir que todas as decisións en materia de educación sexan consensuadas coas Comunidades Autónomas e respecten as competencias exclusivas da Galiza. A formación nacionalista quere posibilitar que o noso país desenvolva plenamente as súas competencias propias en educación, asegurando o ensino en galego, o descenso nas ratios máximas nos diferentes niveis educativos ou a gratuidade total en todos os niveis de 0 aos 18 anos.

O deputado Néstor Rego destacou que “é necesario que a lei recoñeza o carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado, no sentido de que o Goberno español non impoña medidas unilateralmente, senón que toda a normativa básica parta do acordo coas diferentes Comunidades Autónomas, o que permitiría adaptar o marco educativo legal á nosa propia realidade”.

A formación nacionalista salientou que o máis importante é defender o carácter público do ensino. “Non se pode seguir tolerando que con cartos públicos se continúe financiando centros que discriminan por sexo, raza ou relixión” subliñou Néstor Rego. Neste sentido, o BNG aposta pola desaparición dos concertos para que o investimento das administracións públicas vaia dirixido a mellorar o ensino público. Tamén salientou que o ensino é fundamental para educar en valores de igualdade, respecto pola diversidade e tolerancia, polo que a relixión debe desaparecer como materia curricular dos centros docentes.

Aliás, as emendas apostan pola eliminación das probas de diagnóstico, así como, das probas externas que substitúen as reválidas en 6º de Educación Primaria e 4º da Educación Secundaria Obrigatoria. “Implican unha sombra de dúbida sobre o labor profesional do profesorado e inciden no control curricular externo que xa demostrou desde o ano 2013 claros problemas na práctica docente” sinalou.

No referente á Formación Profesional, Néstor Rego salientou que é preciso apostar nun sistema educativo que procure a adecuación dos estudos ás necesidades do mercado laboral galego, que na súa vertente práctica non impliquen explotación laboral e que na súa vertente práctica en lugar de incorporalo cada vez máis na empresa privada.

Ademais, o BNG introduciu varias emendas que procuran unha mellora das condicións laborais do profesorado no sentido de facilitar a súa formación continua, a redución de horario para as persoas de máis 55 anos ou a creación dun corpo único de ensinantes.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG