O BNG presenta a imaxe das municipais reforzando a marca e poñendo en valor as súas políticas municipais

Ana Pontón e Xavier Campos
Ana Pontón e Xavier Campos

Presenta o lema “MÁIS” nos concellos que goberna e “AGORA” nos municipios que cogoberna ou está na oposición

O BNG presenta a imaxe das municipais reforzando a marca e poñendo en valor as súas políticas municipais

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e o responsable de comunicación, Xavier Campos presentaron hoxe a imaxe e mensaxes da campaña das municipais baixo un dobre lema, “Máis” nos concellos nos que goberna e “Agora” nos que cogoberna ou está na oposición.

Pontón reiterou que o BNG é “unha forza política en ascenso”, unha organización sólida, unida e cohesionada que conta co  “aval dos gobernos dos concellos nacionalistas”, referentes de honestidade e honradez, de políticas que melloran a vida das persoas, de defensa do idioma e da cultura galegas, e tamén de rexeneración urbana e dinamismo económico e social.

E con esta bagaxe, afirmou a líder do BNG,  “enfrontamos con moita forza e optimismo ás eleccións municipais sobre  a base de 3 fortalezas. A primeira, a certeza de que o BNG é unha forza política á alza e o avance xa é imparable como quedou de manifesto nas pasadas eleccións xerais nas  o BNG foi a  forza con representación no Parlamento galego que porcentualmente máis incrementou os seus votos, conseguindo máis que duplicar o apoio da cidadanía. Pontón mostrouse convencida de que todos e cada un deses votos, así como o resultado do vindeiro  26 de maio será “determinante para desaloxar ao Partido popular da Xunta”.

A segunda fortaleza,  o propio proceso de conformación das candidaturas con implantación no conxunto do territorio e con enorme capacidade para sumar persoas en favor dunha proposta diferente  de país e de concellos, galega e con perfil propio porque son máis son de 4000 persoas as que integran as nosas candidaturas no conxunto de Galiza. Sobre esta cuestión,  explicou que  a metade delas son independentes, “persoas que non están afiliadas  que participan nas listas electorais do BNG como mellor ferramenta de mellorar os seus concellos”. Candidaturas que ademais mostran un grande  rexuvenecemento nas listas coa incorporación de moita mocidade.

A terceira fortaleza é o aval do noso traballo nos concellos. Un traballo, dixo, “con humildade pero co orgullo” porque os “concellos BNG” destacan na política galega e internacional polo “seu bo facer e capacidade para innovar e transformar”.

A portavoz nacionalista reiterou que os concellos BNG “son unha marca de calidade” e teñen solución para os problemas de mobilidade, o comercio de proximidade, o coidado do patrimonio, e a defensa e promoción da lingua e cultura do noso país. “Somos capaces dunha xestión ambiental sostible e de poñer en marcha modelos urbanos e proxección internacional”.

Se hai unha política en Galiza que a grande maioría perciba como claramente transformadora, esa é a política municipal do BNG. “Unha política de prestixio, que recibe premios internacionais e se usa como modelo de referencia. Unha política que cambia os concellos, fainos máis habitábeis e á medida das persoas, muda dinámicas, crea autoestima e aumenta o desenvolvemento e o benestar”, concluíu a portavoz do BNG.

“CONCELLOS BNG”, REFERENTES DA POLÍTICA MUNICIPAL

O responsable de comunicación, Xavier Campos explicou que o BNG encara a campaña das eleccións municipais dando  continuidade a imaxe e estética da recente campaña das eleccións Xerais pero nesta ocasión, dixo,  diferenciamos as mensaxes que queremos transmitir en función dos lugares nos que o BNG mantén a alcaldía, está na oposición ou  cogoberna. Campos explicou que no primeiro caso o lema “Máis”, significa dicir, “Máis Carballo, Máis Tomiño, Máis Moaña”, e o resto dos  concellos nos que gobernamos para  reforzar e dar continuidade as políticas municipais  que estamos desenvolvendo. Nos concellos non que non temos a alcaldía a mensaxe será “Agora”, “Agora Sada”, “Agora Samos”,... porque consideramos que este é o momento de apostar polo BNG.

Para o responsable de comunicación, as políticas do BNG nos concellos son  verdadeiros referentes da actual política municipal e esa marca, “concellos BNG”, manifestou, querémola poñer en valor polo que  será unha das mensaxes centrais.