O BNG presenta a campaña “Somos unha nación” para conmemorar 100 anos de nacionalismo galego

Ana Pontón e Xavier Campos
Ana Pontón e Xavier Campos

Ana Pontón ve o nacionalismo máis necesario ca nunca cun BNG que lidera os grandes debates: Tarifa eléctrica, AP-9, ou marco financeiro e político

O BNG presenta a campaña “Somos unha nación” para conmemorar 100 anos de nacionalismo galego

Hai cen anos celebrouse en Lugo a I Asemblea Nacionalista, acta fundacional do nacionalismo galego contemporáneo, que o BNG conmemora cunha campaña baixo o lema Somos unha nación e baixo a imaxe dunha acuarela de Leandro Lamas que representa ao nacionalismo como un proxecto colectivo que arranca nas Irmandades da Fala e continua hoxe no Bloque Nacionalista Galego.

“É unha campaña en positivo para reivindicar a Galiza como nación fronte á involución democrática, unha celebración desde o orgullo de ser galegos e galegas con voz propia no mundo e con dereito a decidir o noso futuro”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen valorou a importancia “do salto adiante” que supuxo esa asemblea centenaria. “Significou un punto de inflexión porque supera o rexionalismo e asume que Galiza é unha nación dentro dun Estado plurinacional”.

Cen anos despois, “o nacionalismo segue a ser máis necesario ca nunca e se hai unha nación sen Estado que precisa desta ferramenta para avanzar, esa é Galiza”, recalcou, tras asegurar que, ante un réxime do 78 que fai augas por todas partes, esgotado e corrupto,  “a alternativa partirá das  nacións se Estado”. Este centenario “é unha data para reivindicar o nacionalismo como un movemento que quere romper coa regresión que vivimos e que coloca no centro do debate á nación galega”.

O acto central da campaña terá lugar este sábado 17 en Lugo volvendo a Porta Bispo Aguirre na que tivo lugar esa I Asemblea Nacionalista, “para deixar claro que existe unha alternativa sólida  á dependencia do Estado que o PP reserva para Galiza”. De feito, e máis aló de conxunturas puntuais, Pontón salientou que este país “ten un movemento nacionalista moi forte, con vertente sindical, cultura, social e tamén con pegada política con influencia social que vai máis aló das citas electorais”.

Neste sentido, a líder do Bloque subliñou o papel “determinante” do nacionalismo que fai que, a día de hoxe, os grandes debates políticos do país se correspondan maioritariamente con iniciativas políticas do BNG.

“A transferencia da AP-9, a proposta dun novo marco político e institucional, o debate dun modelo de financiamento ou a tarifa eléctrica galega sendo o Bloque a única forza que pon sobre a mesa unha estratexia concreta para acabar co espolio enerxético do país”, argumentou Pontón a modo e exemplos.

Celebrar o pasado, mirando o futuro

“Hai unha pegada moi fonda do nacionalismo resultado de miles de galegos e galegas que pensan que a defensa de Galiza como nación é a mellor alternativa para solucionar os nosos problemas”, indicou, a mesma pegada que está nos concellos liderados polo BNG coa súa capacidade de transformar en positivo as vilas e cidades que goberna.

O responsable de Comunicación, Xavier  Campos, avanzou que a campaña celebra un feito histórico do nacionalismo “pero que mira cara o futuro”, para destacar “non só a plena vixencia, senón a absoluta necesidade do nacionalismo no contexto actual para construír un país mellor”.

Xunto co acto central en Lugo, o BNG desenvolverá a campaña polas distintas cidades e vilas do país e nas redes sociais, con audiovisuais pedagóxicos e divulgativos dos diferentes fitos do nacionalismo. A imaxe deseñada por Leandro Lamas, explicou, “recolle a idea do nacionalismo como proxecto colectivo que inclúe todas as causas xustas,  como o feminismo, a igualdade, a defensa do territorio, o combate contra todas as dominacións e a reafirmación de Galiza como nación”.

Lugo

O BNG presenta a campaña “Somos unha nación” para conmemorar 100 anos de nacionalismo galego