parlamento galego

BNG pregunta á Xunta que medidas adoptou para apoiar o uso do galego en Facebook, Twitter, Instagram,TikTok, Twich e Whatsapp

Daniel Castro
Daniel Castro
Daniel Castro afirma que o futuro do galego non pode depender dun plan de normalización lingüística que minimiza o seu uso nas universidades galegas,  no deporte, no audiovisual, a dobraxe, os festivais, a comunicación dixital e as  redes sociais

O deputado do BNG, Daniel Castro formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre a avaliación do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 e a súa adaptación  ao novo contexto de pandemia.

Na súa intervención, o parlamentario destacou a utilización da mocidade das novas tecnoloxías e neste sentido preguntou que medidas iniciou a Xunta para apoiar “o uso do galego en Facebook, Twitter, Instagram, Tiktok, Twich e Whatsapp”.

O nacionalista afirmou que o  futuro dunha lingua albiscase estudando o seu uso    entre as xeracións máis mozas, que  son “as que a van falar ou non e as que as van transmitir as xeracións seguintes ou non”. Desde  o BNG, dixo consideramos que son de vital importancia os plans de normalización lingüística, agora chamada dinamización, da nosa lingua entre a mocidade e saber si existiu algunha adaptación ao contexto que estamos a vivir, xa que este plan comezaba no 2019 nun contexto sen pandemia e vai transcorrer a maioría da súa “vida” nun escenario de pandemia mundial que sen dúbida ten que afectar á súa implantación.

O deputado, tras  criticar que a Xunta sintetizara  a información requirida  cos seus power points de 3 diapositivas e derivados afirmou que  é o “24% dos menores de 15 anos non saben falar galego, 1 de cada 4 nenos e nenas do noso país non sabe falar a lingua propia do seu país, o  30,04% non saben escribilo, o 23,9 non saben falalo e o 18,32% non saben lelo, datos que supoñen un incremento do 8,4%, 7,6% e 4,06% respectivamente a respecto da enquisa anterior á entrada do Decreto do Plurilingüismo”. Para remediar isto, engadiu o nacionalista, o goberno  propón varias actuacións como facilitar o coñecemento da lingua a todos os mozos e mozas estranxeiros e preguntou si isto pode ser certo  cando unha persoa só pode preparar o exame do CELGA en Santiago de Compostela, Ponferrada ou Madrid.

Por outra parte, referiuse a porcentaxe do uso do galego nas universidades galegas porque na  UDC só se imparte unha de cada dez aulas en galego e na USC, 2 de cada 10.

Outro aspecto, dixo,  é normalizar a nosa lingua no lecer dotando  de “inxentes cantidades de diñeiro público a festivais” nos que os grupos que cantan en galego se reducen a 1 ou ningún ou a presenza do galego no deporte prohibindo até os partidos amigables das nosas seleccións nacionais.  Foméntase a creación cultural en galego dotando de millón e medio de euros públicos a filmes  sobre o Xacobeo que despois de meses seguen sen estar dispoñibles en galego  en plataformas coma Amazon Prime. É ese o fomento da dobraxe ao galego, preguntou.

“Podemos  falar de dar prestixio á nosa lingua e de concienciar á mocidade da importancia e vantaxes que supón a lingua galega cando non se permite dar as matemáticas e física e química na nosa lingua ou cando se reprende a unha profesora por facelo?”.

O deputado do BNG tamén criticou  que  os deputados e deputadas do  Parlamento  galego,  teñan os dispositivos electrónicos, subministrados polo propio Parlamento,  preconfigurados en español.

Finalmente, Daniel Castro   preguntou  sobre a posibilidade de   crear unha canle específica de animación para os nenos e nenas galegas na  televisión pública galega.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG