O BNG pisa o acelerador para salvar ALCOA cunha ofensiva institucional na que reclama a intervención da factoría
O futuro de ALCOA, activado o ERE, está non momento decisivo e o BNG lanza unha ofensiva final desde o Congreso e desde o Parlamento galego para reclamar á Xunta e ao Goberno do Estado “altura de miras” para nacionalizar a factoría sen máis demora porque é a única vía de futuro da factoría. De feito, o Bloque ven de lograr na Cámara baixa o apoio a súa iniciativa de intervención pública da factoría.
“A política industrial de Galiza non a pode decidir unha multinacional nos xulgados”, salientou desde San Cibrao a portavoz nacional, Ana Pontón, tras o encontro cos representantes do persoal, “o futuro de ALCOA tense que decidir no Consello da Xunta e non Consello de ministros porque a solución é política e pasa por unha intervención pública que garanta o emprego e a actividade industrial”.
A líder do BNG instou a non perder nin un minuto máis, porque é claro que a multinacional non quere vender, “o único que lle interesa é pechar a factoría para non ter competencia e ese non é o interese xeral do país que pasa pola produción de aluminio para garantir o futuro da comarca”. Hai que actuar xa desde as institucións “porque ALCOA non quere vender e estivo actuando de mala fe, con prepotencia e chulería por iso a solución pasa pola intervención pública”, alegou.