O BNG pisa o acelerador para salvar ALCOA cunha ofensiva institucional na que reclama a intervención da factoría

Encontro ALCOA
Encontro ALCOA
Pontón pide á Xunta e ao Estado “altura”, porque a política industrial de Galiza non pode decidila unha multinacional nos xulgados

O futuro de ALCOA, activado o ERE, está non momento decisivo e o BNG lanza unha ofensiva final desde o Congreso e desde o Parlamento galego para reclamar á Xunta e ao Goberno do Estado “altura de miras” para nacionalizar a factoría sen máis demora porque é a única vía de futuro da factoría. De feito, o Bloque ven de lograr na Cámara baixa o apoio a súa iniciativa de intervención pública da factoría.

“A política industrial de Galiza non a pode decidir unha multinacional nos xulgados”, salientou desde San Cibrao a portavoz nacional, Ana Pontón, tras o encontro cos representantes do persoal,  “o futuro de ALCOA tense que decidir no Consello da Xunta e non Consello de ministros porque a solución é política e pasa por unha intervención pública que garanta o emprego e a actividade industrial”.

Encontro ALCOAPor iso, alegou, desde o Bloque “estamos poñendo en marcha unha ofensiva institucional para salvar o emprego que ten como primeiro paso ese logro de que, grazas a iniciativa do BNG, o Congreso pida por primeira vez a intervención pública da fábrica da Mariña”. Ofensiva que seguirá no pleno do Parlamento galego tanto na sesión de control como a través dunha moción para conseguir o apoio do Pazo do Hórreo á nacionalización.

A líder do BNG instou a non perder nin un minuto máis, porque é claro que a multinacional non quere vender, “o único que lle interesa é pechar a factoría para non ter competencia e ese non é o interese xeral do país que pasa pola produción de aluminio para garantir o futuro da comarca”.  Hai que actuar xa desde as institucións “porque ALCOA non quere vender e estivo actuando de mala fe, con prepotencia e chulería por iso a solución pasa pola intervención pública”, alegou.

Encontro ALCOA  Pontón ratificou o apoio do BNG aos traballadores e ás traballadoras así como ao conxunto da comarca e demanda da Xunta e do Goberno do Estado que teñan “a valentía de dar o paso que están esperando o persoal e toda A Mariña poñendo sobre a mesa a nacionalización, porque a intervención pública está sendo posible en Italia, en Alemaña, en Francia, en Portugal e tamén ten que ser posible aquí para salvar o emprego e a produción en ALCOA San Cibrao. É unha cuestión de vontade política e pedímoslle aos gobernos galego e central que estean á mesma altura que os traballadores e traballadoras e á mesma altura que a comarca da Mariña”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG