O BNG pide á Xunta que rectifique e deixe de boicotear o centro de saúde que Moaña necesita

Prado a Almuiña: “Asine o convenio co concello para construír o centro e deixe de poñer paus nas rodas por puro sectarismo político”

A Mesa da sanidade de Moaña e a alcaldesa Leticia Santos asistiron no Parlamento á interpelación do Bloque ao responsable do SERGAS

O BNG pide á Xunta que rectifique e deixe de boicotear o centro de saúde que Moaña necesita

O BNG trasladou ao Parlamento a construción pendente do centro de saúde do SERGAS en Moaña para reclamar ao conselleiro de Sanidade, Jesús Váquez Almuíña, que rectifique e deixe de poñer paus nas rodas con manobras que só pretenden demorar a construción dun equipamento sanitario longamente reclamado pola veciñanza.

“É puro sectarismo político, unha manobra política contra un concello polo mero feito de non estar gobernando polo PP. O que lle pido é que rectifique para empezar a construír o centro de saúde canto antes, para asinar o convenio e para que lle conceda a alcaldesa e á Mesa pola sanidade pública a reunión que lle teñen solicitado. Iso é o que debe facer, traballar para que a veciñanza de Moaña teña o centro de saúde que precisa”, denunciou  a portavoz de Sanidade, Montse Prado.

 A deputada na súa interpelación ao conselleiro explicou que o goberno municipal que lidera Leticia Santos xa fixo a súa parte do traballo e está en disposición de poder entregar ao SERGAS a parcela que debe albergar o centro de saúde.

“Dispuxeron a certificación urbanística que permite unha edificabilidade real de 7.750 metros cadrados sen retranqueo, dispuxeron a urbanización da zona, asinaron un acordo coas persoas propietarias, reservaron 350.000 euros para urbanizar a rúa que permita dar acceso á parcela e, a partir e aí, empezan a xurdir os problemas por parte da Consellería de Sanidade”, relatou Prado.

Eses problemas pasan esencialmente por un cambio de criterio no deseño do centro, sen que Almuíña lograse explicar porqué aplica a Moaña unhas esixencias de edificación que pasa por alto na construción dos centros de saúde que se inauguraron o se están executando noutros concellos, mesmo na mesma comarca do Morrazo.

“De repente remiten un escrito ao concello dicindo que a parcela non é suficiente nin axeitada, reclaman 3.500 metros cadrados alegando que o tamaño da mesma é clave porque a tendencia ideal agora é realizar os centros coas menos plantas posibles ou integramente en planta baixa”, argumentou Prado na súa pregunta ao titular de Sanidade, quen denuncio esta dobre vara de medir arquitectónica da Xunta.

“Por que agora se lle esixe a Moaña ese suposto ideal construtivo cando todos os últimos centros de saúde construídos en concellos da contorna teñen varias plantas. O concello de Marín, soto, baixo e tres plantas; o centro de Tui, 2.049 metros cadrados de parcela menor que a de Moaña e 3.500 metros cadrados de superficie construída fronte aos 7.500 que permite a proposta de Moaña, o de Gondomar dúas plantas, o de Oia tamén dúas plantas e o da Estrada en construción tres plantas”, explicou Prado.

“Que curioso que un concello que non está gobernado polo PP é o que ten que cumprir os ideais de construción, ideais que non son máis que manobras de dilación, paus nas rodas que usa o PP nos concellos onde non goberna. Nin o SERGAS, nin vostede como conselleiro teñen ningunha razón para non construír un centro de saúde na parcela que está practicamente en disposición de ser cedida á Xunta polo concello de Moaña asinando un acordo”, recriminou a deputada do Bloque. “Deixe de facerse o simpático e constrúa o centro que reclama o concello e a veciñanza e Moaña”, concluíu.

O BNG pide á Xunta que rectifique e deixe de boicotear o centro de saúde que Moaña necesita