O BNG pide á Xunta que escoite aos veciños e veciñas de Ons e garanta o seu acceso a illa sen restricións

Veciñanza de Ons no Parlamento
Veciñanza de Ons no Parlamento
Luís Bará lembra que o primeiro valor de Ons son as persoas que viven na Illa e non pode haber Patrimonio da Humanidade sen contar coa veciñanza

O deputado do BNG, Luís Bará replicou  á conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez que os veciños e veciñas  de Ons  son o “verdadeiro patrimonio” da illa polo que pediu respecto e que a Xunta garanta o seu acceso a illa sen restricións. 

O parlamentario iniciou a súa intervención criticando as novas normas impostas polo Partido popular no Parlamento galego polas que impide ás  persoas que asistan aos debates ou visiten a institución utilizar  prendas de vestir, accesorios, carteis ou fotografías reivindicativas. Luís Bará asegurou que privar aos veciños e veciñas de Ons  de mostrar unha camiseta co lema “Ons en loita” é “un atropelo” polo que mantivo posta a camiseta durante toda a súa intervención. Esta camiseta, explico foi “vetada e prohibida” na tribuna de convidados e así é como entende o Partido popular a democracia, “vetan unha camiseta e logo protexen aos que rouban con traxe e garabata”.

O deputado acusou á titular de Medio Ambiente de “crear problemas onde non existen”. Neste sentido, lembrou que o Parque Natural de Ons foi creado no ano 2002 e o PP agardou até o 2018 para aplicar o Plan Reitor de Usos e Xestións, PRUX e con ironía preguntou cantos anos estiveron sen aplicalo? Cantos anos “incumprindo a lei dos parques nacionais, tempo no que  non existía cupo de visitantes?”.

Veciñanza de Ons no ParlamentoVostedes, denunciou o nacionalista, permitiron a entrada de 3.000 persoas en Ons pero o que realmente aconteceu e que os veciños e veciñas da illa  reclamaron unha solución aos problemas de luz, auga e  saneamento e esas reivindicación provocaron que  o Goberno galego  restrinxira o acceso dos illáns a Ons. Por outra parte, a Xunta non resolveu como debera a xestión das Illas  Atlánticas facendo unha  chamada sobre as illas Cíes o que provocou a súa masificación. Agora,  “ese efecto chamada tamén se está a ver en  Ons”.  Bará reiterou que os problemas de masificación só se produciron nalgúns días do mes de agosto como a propia conselleira confirmou.

En opinión do deputado, “si hai que limitar algún cupo debe ser o dos visitantes pero non ás persoas vinculadas familiarmente a Ons”. Vostedes actúan con “soberbia, prepotencia e autoritarismo” e non escoitan á xente. Fixeron “un paripé” pero non deron a cara nunha para resolver o problema.

Bará pediu á conselleira que aproveitara a presenza dos veciños e veciñas de Ons para manter unha reunión ou ben un compromiso de “diálogo” porque o concello de Bueu fixo propostas que vostede non quixo nin escoitar. A corporación municipal de Bueu acordou unanimemente   garantir o libre acceso dos veciños e veciñas á illa sen necesidade de “ningún carné especifico”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG