GALEGAS 2020

O BNG pide á Xunta Electoral garantir a pluralidade política nos medios públicos

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide á Xunta Electoral que actúe para impedir que Feixóo continúe utilizando os medios públicos como canle propagandístico cun mitin diario de precampaña

Pontón reclama dous debates, en horario de máxima audiencia, e unha cobertura informativa plural e ecuánime nos espazos informativos e de opinión

O BNG pide á Xunta Electoral garantir a pluralidade política nos medios públicos

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón recalca que as eleccións galegas deben contar con todas “as garantías sanitarias e democráticas” e reclama á Xunta electoral que actúe para impedir que Feixóo continúe utilizando os medios públicos como “canle propagandístico cun mitin diario de precampaña”.

Pontón  amosa a súa preocupación polas condicións e garantías da cidadanía para exercer o  voto e pide  garantir a cobertura do dereito ao voto por correo e a garantía democrática do propio proceso electoral. Neste sentido, advirte que o BNG  denunciará  calquera circunstancia que poña en risco o exercicio do voto pola falta  falta destas condicións. “Non nos dá ningunha seguridade nin tranquilidade o que poida facer un Partido Popular experto en artimañas e malas prácticas”, afirma a portavoz nacioanalista.

Por outra banda, dentro das garantías democráticas considera necesario “desconfinar” os medios públicos  galegos e que a información sexa plural e ecuánime. Nesta liña, pide que se celebren dous debates, en horario de máxima audiencia, e unha cobertura plural nos espazos informativos, de opinión e tertulias.

“Enfrontamos a precampaña e campaña electoral nun contexto de falta de condicións sociosanitarias e  falta de garantías democráticas”. Despois de seren aprazadas as elección, Pontón critica que  “Feixóo seguira en campaña”. Para a  nacionalista, a  pandemia foi a coartada perfecta para xustificar a “presencia abafante de Feijóo na TVG a unha media de catro horas semanais e co  desfile de conselleiros, conselleiras  e cargos do PP de Galiza  e o Estado”. A análise dos datos evidencia até que punto o PP fagocitou os medios públicos na crise e continuou  permanente en  campaña electoral.

 Desde a declaración do estado de alarma, o 14 marzo, até o comezo deste semana,18 maio, Feixóo compareceu 31 veces en directo na TVG en horario de máxima audiencia, un total de 1.634 minutos. Tendo en conta que a duración media das novas do BNG son de 30 segundos, explica Pontón, “o Bloque necesitaría 4,5 anos para conseguir esta cota de pantalla”, máis do que dura unha lexislatura. E iso só no caso de que a canle pública emitise unha información no TX1 e no TX2 todos os días do ano. A esta sobreexposición de Feixóo e o PP, Pontón  sumou as informacións do propio Feixóo nos telexornais e o “desfile  diario” de membros do goberno ou  cargos do PP.

O BNG PIDE PLURALIDADE INFORMATIVA

A situación, afirma a nacionalista, fai necesario que a Xunta electoral actúe para impedir  o exercicio propagandístico diario do candidato Feixóo na TVG e na RG. A necesidade de trasladar información institucional pode ser cuberta a través doutras vías. A xuízo da líder do BNG, non ten  xustificación  que “un candidato dunha forza política use os medios públicos para transformar un espazo institucional nun mitin partidario diario, valorando e criticando ao resto de forzas políticas. Iso ocorre nas repúblicas bananeiras, mais non debera ocorrer nunha democracia moderna e de calidade”.

Pontón lembra que o BNG xa anunciou a súa posición  “absolutamente esixente” co plan de medios da CRTVG. No contexto de limitacións e condicionantes que estamos a vivir, o desenvolvemento da campaña precisa paliar esta situación ofrecendo á cidadanía a posibilidade de contar con varios debates entre as forzas políticas para coñecer as propostas de cada unha delas polo que volve a reclamar a celebración, como mínimo, de 2 debates en máxima audiencia na TVG e RG e unha cobertura informativa que garanta a pluralidade e ecuanimidade, tanto nos espazos directamente informativos como de opinión e tertulia.

 

O BNG pide á Xunta Electoral garantir a pluralidade política nos medios públicos