BNG pide á Xunta discriminación positiva co sector cultural ourensán ante a agresión e falla de programación do Concello

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés acusa ao PP de ser o “principal responsable” da situación que sofren tanto a actividade, como o tecido cultural da cidade

O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego a súa intervención e unha “discriminación positiva” coa actividade cultural e o tecido cultural de Ourense ante a falla de programación do Concello e as súas agresións ao sector.

Así o demandou o deputado nacionalista Iago Tabarés nunha pregunta en Pleno parlamentario, na que recordou ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que o seu departamento ten competencias para actuar e debe facelo “porque vostedes son os principais responsables desta situación” xa que, segundo recalcou, “moitas das eliminacións de eventos culturais e espazos de creación obedecen a decisións súas”.

“Son vostedes parte indispensable do grupo de goberno que está a perseguir e castigar o tecido cultural ourensán”, recriminou logo de denunciar na Cámara a situación que está a vivir o sector na cidade. Así, recordou o peche de espazos de exhibición como o Museo Municipal, o Museo Arqueolóxico ou mesmo o Auditorio, “que está practicamente reservado para o alugueiro da iniciativa privada, sen dispor dunha programación pública para tan importante infraestrutura”.

A isto sumou que o Concello tamén suprimiu o seu apoio ao Outono Fotográfico, ao Festival Internacional de Teatro, á Mostra Internacional de Teatro Universitario, á Mostra de Teatro Infantil, así como ao Festival Internacional de Música Clásica “O Pórtico do Paraíso”, ao Festival “Corpo a Terra de Danza”, ao “Danza no Claustro”, ademais da suspensión do ciclo musical “Enclave de Cámara”.

“A todo isto debemos engadir a renuncia á organización do Festival de Cinema, do convenio con Agadic ou a eventos puntuais que se ofrecen con ocasión do Xacobeo”, incidiu, para a continuación recordar ao Goberno de Feixóo a mobilización da cidadanía ourensá de hai un mes para denunciar o abandono do Concello ao sector da cultura.

Para o deputado do BNG por Ourense, “a pregunta que realmente se fai a cidadanía de Ourense é se a Xunta sabe que está a pasar na cidade ou o que realmente pasa é que o sabe, pero non lle importa” e, neste sentido, insistiu en denunciar o que cualificou como “abandono, cando non persecución, que veñen sufrindo tanto as expresións como o propio tecido cultural”. “A cultura, a formación, a educación son liberdade porque, como dicía Unamuno, a liberdade está na cultura, non na cervexa”, concluíu.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG