O BNG pide á Xunta que abandone a estratexia do avestruz e se implique para evitar o peche de POLIGAL

POLIGAL
POLIGAL

Pontón e Presas mantiveron un encontro co cadro de persoal, que hoxe se manifestou ás portas do Parlamento en demanda dunha solución

O BNG pide á Xunta que abandone a estratexia do avestruz e se implique para evitar o peche de POLIGAL

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz de Industria, Noa Presas, mantiveron un encontro co cadro de persoal de POLIGAL ao que trasladaron todo o apoio do Bloque ao tempo que reclamaron a intervención inmediata do Executivo de Feixóo.

“Expresamos o noso apoio absoluto os traballadores e as traballadoras de POLIGAL nestes difíciles momentos, e instamos á Xunta a actuar de xeito inmediato”, salientou Presas, quen instou ao conselleiro de Industria “a liderar unha negociación que evite o peche desta empresa nun sector estratéxico como o de tratamento de plásticos”.

Presas criticou “a deslocalización encuberta” pola que a patronal pretende levar a actividade produtiva fora de Galiza, “pese a contar con carga de traballo até o mesmo día en que se anunciou o concurso de acredores”, como explicaron os propios traballadores no encontro mantido con Pontón e Presas no Parlamento, ante cuxas portas se manifestaron para demandar unha solución de futuro para a factoría.

Para evitar o peche é imprescindible a implicación do Executivo. “O Goberno galego ten que implicarse porque non se pode asumir o cerre desta empresa, ten que abandonar a súa estratexia do avestruz e deixar claro que non imos permitir que a factoría peche as súas portas porque tería un impacto moi negativo en termos de emprego e económicos para Narón e a comarca de Ferrolterra”, concluíu.