O BNG pide utilizar o 100% do espazo de urxencias do CHUS e dotalo de persoal estábel

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado reclama ao Goberno galego sentarse a negociar co persoal e atender as súas demandas “xustas” e que buscan a máxima calidade na atención sanitaria

O BNG pide utilizar o 100% do espazo de urxencias do CHUS e dotalo de persoal estábel

A deputada do BNG, Montse Prado, lamentou hoxe, que o Partido popular persista “nun  discurso, que unicamente tenta xustificar a grave situación da Sanidade pública galega”. No  transcurso do debate da proposición non de lei do BNG, defendida pola propia  Prado, a nacionalista reclamou ao  Goberno galego “utilizar o 100% e dotar de persoal estable o Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela”, cuxo persoal está a secundar unha folga que alcanza as 11 semanas.

Tras a intervención da portavoz  popular, Encarna Amigo que anunciou a presentación dunha emenda ao texto do BNG, Prado reprochou  a falta de vontade política do Partido popular para  establecer un diálogo sobre a proposta do persoal do CHUS que busca aproximarse ás súas demandas e que está enriba da mesa da xerencia do centro hospitalario.

Prado insistiu na “falta de vontade negociadora” da Xerencia do  CHUS e do Sergas que está obrigando ao persoal a manter a folga porque “non está disposto a aceptar  parches”. O persoal está disposto a seguir loitando por unha sanidade pública de calidade cunha asistencia digna ás persoas doentes que entran pola porta, esa é a razón pola que rexeitan as condicións que vostedes ofrecen, unhas condicións que continúan no camiño da precarización, falta de persoal e recursos suficientes tras unha década negra de permanentes recortes.

Os e as profesionais da sanidade están dicindo basta xa de “cargar sobre o lombo dos traballadores e traballadoras” o peso dunha sanidade que vostedes están dilapidando con políticas regresivas, privatizacións e máis recortes.

Prado preguntou polas verdadeiras razóns do voto en contra do Partido popular á iniciativa nacionalista despois de afirmar a portavoz do PP que están a estudar a proposta presentada polo persoal do CHUS. Parécenos “unha burla” que o PP presente unha emenda co texto, “continuar a axilizar, na medida do posible, o proceso de negociación,” criticou a deputada do BNG quen pediu a portavoz popular un compromiso e vontade para poñerse ao lado dos traballadores e traballadoras co fin de axilizar, de maneira real o acordo. A portavoz do PP eludiu pronunciarse sobre a petición da parlamentaria nacionalista.

Prado recalcou que as demandas dos e das traballadoras do servizo de Urxencias do CHUS, “son xustas” e permiten prestar unha asistencia sanitaria “digna”. Rectificar é de sabios e o Partido popular, afirmou, “está perdendo a batalla”, os problemas son tan evidentes que chegaron á opinión pública e aos medios de comunicación e por moito que se empeñe  o goberno do PP en  tentar negar a realidade non o está a conseguir, concluíu.