BNG pide a reunión da Deputación Permanente do Parlamento para que o conselleiro de Sanidade compareza pola pandemia

Montse Prado
Montse Prado

Montserrat Prado esixe explicacións na Cámara polas medidas tomadas fronte á quinta onda e advirte de que a Atención Primaria está “ao bordo do colapso”

Reclama un sistema de rastrexo con persoal suficiente e formado, na vez de trasladar este labor ás profesionais de Primaria “completamente exhaustos”

BNG pide a reunión da Deputación Permanente do Parlamento para que o conselleiro de Sanidade compareza pola pandemia

BNG vén de solicitar a reunión da Deputación Permanente do Parlamento galego para solicitar a comparecencia do conselleiro de Sanidade na Cámara para dar conta das medidas que está tomando a Xunta diante “da alarma xerada por esta quinta onda da pandemia”.

Así o avanza a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montserrat Prado, quen advirte de que a evolución da pandemia está a empeorar “a pasos axigantados” con máis de 1.000 contaxios diarios, cun índice de positividade tres veces máis elevado do que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS) para controlar o virus, cun aumento continuo de ingresos tanto en planta como en UCI e cunha Atención Primaria “ao bordo do colapso en toda Galiza”.

Neste sentido, Prado apunta a que se están dando no país “casos dramáticos como o do concello de Sanxenxo” no que, segundo exemplificou, 3 médicos están a facer o traballo de 10 “cunha poboación multiplicada polas vacacións de verán e cun índice de contaxios de máis de mil por 100.000 habitantes”.

Segundo recalca a deputada nacionalista, a Atención Primaria atópase nuns niveis de saturación inadmisibles, con “axendas interminables de ata 70 doentes”, ao ter que asumir a atención habitual, as e os doentes crónicos, “e tamén xs dos profesionais que non substituídos”, ademais de facer “o seguimento dos casos positivos, dos desprazados ou das urxencias”. “A consecuencia, un persoal exhausto e a poboación sen a atención debida”, alerta.

Así pois, Prado considera que a comparecencia parlamentaria do conselleiro é obrigada para explicar as medidas tomadas polo Executivo galego ante a evolución do virus e, entre outras cuestións, “para explicar a que agarda para poñer en marcha un sistema de rastrexo co persoal suficiente e formado, na vez de ter ás e aos profesionais de Primaria facendo esa labor cando non teñen mans para máis”.  

De igual xeito, pide ao titular de Sanidade que dea contas de “se son efectivos os protocolos que se están aplicando á hora de considerar contactos estreitos, dado que a variante Delta do virus, predominante neste momento, é moito máis contaxiosa e resistente”. Neste sentido, advirte da descoordinación no control e seguimento dos positivos, nos illamentos e nas corentenas, o que xera a desconfianza da poboación.

“Unha comparecencia, polo tanto, para dar conta das actuacións para frear a cadea brutal de contaxios, para non seguir poñendo en risco a saúde nin da poboación nin a do persoal, e para garantir a atención tanto das e dos doentes COVID, como do resto de patoloxías”, conclúe.

 

BNG pide a reunión da Deputación Permanente do Parlamento para que o conselleiro de Sanidade compareza pola pandemia