Parlamento Galego

O BNG pide retirar o proxecto de lei de pesca continental do PP e elaborar outro que priorice a conservación e aproveitamento dos ríos

Mini Rivas
Mini Rivas
Xośe Luís Rivas (Mini) denunciou que o proxecto de lei  é “unha amnistía encuberta”  para seguir beneficando aos titulares das hidraúlicas e presentou unha emenda á totalidade en defensa da calidade da auga dos ríos, lagoas e humedais

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) defendeu unha emenda á totalidade ao proxecto  lei de pesca continental e reclamou  elaborar un novo texto que priorice a conservación e aproveitamento dos ríos. Para o deputado, o proxecto de lei defendido pola conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, representa “unha amnistía encuberta” para os titulares dos aproveitamentos hidráulicos que “levan anos causando graves danos nos ríos galegos” e facendo caso omiso á obrigatoriedade de establecer dispositivos de remonte que permitan a migracións dos peixes.

Neste sentido, explicou que os encoros “impiden o arrastres de gravas” que conforman os leitos dos ríos, espazos nos que se produce vida. Para o deputado, o texto do Partido popular é “unha temeridade” e parte dun erro ao considerar que as augas continentais galegas e os seus ecosistemas gozan de boa saúde. Isto, dixo e  “unha falsidade”.

O nacionalista reiterou que toda norma destinada a regular o uso e desfrute dun ben natural colectivo, debe partir da análise do estado dese ben, e desgraciadamente en Galiza, moitos dos nosos ríos non “gozan de boa saúde”. Os ríos convertéronse en correntes polas que viaxan ao mar os “detritus e contaminacións máis variopintas” e temos un gran número de exemplos que confirman o mal funcionamento de depuradoras, lixivados de vertedoiros de todo tipo, augas mineiras sen control e lamas vertidas ás augas “impunemente”.

Rivas criticou que o PP propoña unha lei de pesca continental que “menospreza o elemento principal, os ríos e a súa conservación”. O Partido popular presenta unha lei cun importante “déficit  conservacionista” e deixa de lado a restauración e principios fundamentais de sustentabilidade. “Unicamente falan dun dereito de aproveitamento pero á marxe da realidade do recurso e moito menos da súa preservación”. Os ríos, remarcou Mini, son “canles de irradiación da biodiversidade” e deben ser vixiados e controlados para que non se volva repetir a desaparición de especies autóctona en favor de especies exóticas de gran tamaño para un “aproveitamento deportivo” que pon en risco todo o ecosistema.

Por outra banda, a pesca nos ríos debe  preservar a pesca pública e socializada, con tramos libres e coutos de pescadores sen ánimo de lucro e rexida por principios de servizo público e sostenibilidade, “ a anguía está en perigo de extinción no seu estado salvaxe e o salmón redución a súa existencia ao 99%, nos últimos cincuenta anos, explicou.

Os ríos deben ser “corredores de vida” e aproveitalos como barreira contra os incendios. Os ríos, recalcou o nacionalista producen  auga para o consumo humano e a súa   calidade debe ser unha prioridade para o goberno.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG