O BNG pide restitiuír os acordos de 2008 para recuperar as condicións laborais do persoal do SERGAS

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado acusou ao Partido Popular de “maltratar” ao persoal do SERGAS e ampararse na crise económica para aplicar recortes de  dereitos salariais e laborais que deben ser restituídos  

O BNG pide restitiuír os acordos de 2008 para recuperar as condicións laborais do persoal do SERGAS

A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha proposición non de lei para restituír as condicións laborais e salariais  do persoal do SERGAS recollidos nos acordos do ano 2008 e suspendidos no  2010. O persoal da sanidade, afirmou, a nacionalista  é  “un dos peores pagados do Estado”.

Prado demandou do  Sergas aplicar  as melloras laborais pactadas co persoal da sanidade pública e recollidas nos acordos derivados da negociación colectiva na Mesa Sectorial de Sanidade, pero que quedaron suspendidos “dentro da folla de ruta de recortes executada polo PP durante estes anos” e  baixo a  escusa da crise económica. Prado aproveitou para denunciar que o Partido popular enganou ao persoal da sanidade ao comprometerse a retomar os acordos trala superación da crise. Os acordos foron paralizados no ano 2010 e estamos no 2018 pero o  “goberno do Partido popular segue sen vontade de cumprilos ”, manifestou.

Montse Prado demandou implantar o acordo retributivo, 2012-2018, activar a carreira profesional e a  equiparación salarial do persoal dos  PACs, “obrigados a asumir as quendas do resto dos profesionais sanitarios  en período estival”.

Para a deputada, o SERGAS “está abandonando ao persoal”, o   Partido popular “maltrata ao persoal”, polo que reclamou  iniciar a negociación da mesa sectorial dos acordos conxelados dende o ano 2010.

Trala intervención do portavoz popular, Miguel Tellado, a nacionalista  acusou ao PP de inaugurar “a campaña da mentira dos datos” e recalcou  que o persoal do SERGAS é un dos   “peor pagados do Estado”. Neste sentido, lembrou que recentemente unha representación da sección CIG-Saúde, da  Confederación Intersindical Galega  rexistrou no Parlamento 7.000 sinaturas de traballadores e traballadoras da Sanidade Pública   para demandar unha negociación da mesa sectorial do Sergas cara conseguir un plan para recuperar os acordos suspendidos no ano 2010.

A deputada lamentou que o Partido popular votara en contra da iniciativa nacionalista para recuperar os dereitos laborais e salariais do persoal da sanidade pública galega.