O BNG pide a reprobación do Director Xeral da CRTVG polas reiteradas denuncias por manipulación informativa

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil cualifica de “moi grave” que dous xornalistas do Telexornal dimitan pola manipulación informativa imposta pola dirección  e exixe a creación do Consello de informativos

A deputada do BNG, Olalla Rodil defendera na Cámara galega unha proposición non de lei  para que o  Parlamento de Galiza, como órgano no que reside a soberanía do pobo galego, “acorde por resolución a reprobación do Director Xeral da CRTVG pola continua manipulación informativa e  vulneración dos principios de pluralidade, veracidade, independencia e obxectividade dos contidos informativos que deben rexer nos medios audiovisuais públicos de Galiza.”

A parlamentaria e portavoz do BNG na comisión de control da CRTVG lembra que  o 19 de xuño presentaban a súa dimisión dous xornalistas da TVG como mostra do seu desacordo coa liña informativa e por razóns profesionais.

Desde o cadro de persoal da Corporación e  organizacións sindicais que   representan a todos os traballadores e traballadoras da CRTVG,  levan anos  demandado  a aprobación do Estatuto profesional (artigo 36) e a creación do Consello de informativos previsto na Lei 9/2011 de medios audiovisuais públicos de Galiza.

O Consello de informativos debe ser, como recolle a propia lexislación, un “órgano interno de participación dos profesionais da información da CRTVG co fin de velar pola independencia, pola veracidade e  obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles”.

Nos últimos anos sucédense as denuncias por “manipulación informativa, pola falta de pluralismo social, político e ideolóxico e polos incumprimentos reiterados da propia Lei de medios audiovisuais públicos así como pola  “deriva”, especialmente da televisión, que “non cumpre coas funcións que lle corresponden como difusora e promotora da cultura galega ou a súa contribución ao proceso de normalización da lingua galega, entre outras obrigas”.

A parlamentaria do BNG agarda acadar o apoio de todas as forzas políticas para reprobar as actuacións do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo que nos últimos tempos leva recollidas un gran número de denuncias  “  ás que agora se suma a dimisión de dous xornalistas pola manipulación  informativa imposta pola dirección”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG