BNG pide parar os proxectos eólicos que vulneran a normativa ambiental

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará afeou a política eólica do PP, durante 14 anos, caracterizada pola “incertidume, parálise e obediencia aos poderosos” para acceder ás portas xiratorias

O deputado  Luís Bará afirmou que o BNG aposta por un modelo eólico “sustentable e de riqueza para os galegos e galegas” e volveu a rexeitar a política eólica do Partido popular caracterizada durante os últimos catorce anos pola “parálise, a incertidume e obediencia aos poderosos”.

Bará defendeu unha moción reclamando a paralización dos acordos da Xunta que autorizaron os parques  de Bustelo e Toural, por incumprir a normativa ambiental  e constituír un exemplo  de fragmentación artificial dun único parque. Ademais, esixiu ao goberno galego a “asumir responsabilidades”  polas sentenzas firmes do Tribunal Supremo que anulan as autorizacións dos  parque eólicos da serra do Oribio e de Sasdónigas e tomar medidas para reverter a destrución provocada polas obras  realizadas na  serra do Oribio, nun espazo protexido dentro da  Rede Natura así como abrir un proceso  de participación para a aprobación dun novo marco legal, un novo plan sectorial enerxético e un novo mapa eólico.

Na súa intervención, Bará acusou ao Partido popular de anular no ano 2009 un concurso eólico que despois a xustiza “demostrou que era legal” e no 2010 elaborar outro concurso industrial  que anunciaron como “un auténtico maná” cando en realidade era “unha trampa e un novo engano”. En cifras, explicou o nacionalista, o plan contemplaba 2.325MW, 6 mil millóns de euros, 1.3266 postos de traballo pero o balance foi “unha fraude e ruína para o país”.  Vostedes, recalcou  “sáenos moi caros” porque levamos catorce anos de parálise eólica, “responsabilidade do Partido popular en Madrid e Galiza”

No ano 2010, Galiza contaba con 3.290MW e no ano 2018 3.412 MW, o PP en oito anos instalou 122MW, “un auténtico fiasco”. Para o deputado, o PP é profundamente “sectario” e despois deste desastre de balance dende o ano 18  até o 22 comeza o gran acelerón con “patinazo incluído”. Un aluvión de proxectos que se converteu no “grande casino eólico” apropiándose dos montes e dos vales para instalar o seu propio polígono eólico en función dos intereses económicos das grandes empresas que logo favorecen  as “portas xiratorias para o PP”.

Na actualidade teñen un grande atasco administrativo e xudicial porque fixeron un “efecto chamada” e seguen tramitando 300 proxectos. A realidade é que “un de catro parques que se tramitan no Estado están en Galiza”, e isto é responsabilidade do Partido popular.

Bará tamén se referiu a incertidume e inseguridade xurídica pola “maraña” derivada  dos cambios introducidos polo PP na normativa, en total 62 cambios e un gran  número de sentenzas en contra que representan “unha emenda á totalidade á política eólica da Xunta de Galiza”, aseverou.

Tras a intervención da portavoz de industria do PP,  Noela Novoa Iglesias que reprochou ao BNG as súas críticas ao modelo eólico da Xunta, o nacionalista replicou que o Partido popular “retorce a lei” para seguir cometendo ilegalidades e mesmo “vulnerou a lei europea que esixe garantir o tramite de información pública durante un mes”.

Finalmente, Bará afirmou que a cidadanía galega leva moito tempo dicindo que “non” a política depredadora do PP e apelou a “un pacto social” para non seguir perdendo investimentos e miles de empregos. O BNG, dixo, aposta por “un pacto de país pola eólica, por unha enerxía como motor de desenvolvemento de Galiza, con equidade, garantías, participación pública e cun reparto xusto dos beneficios”.

A moción nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG