O BNG pide paralizar a senda de Reza en Ourense e dialogar coa veciñanza

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas pide á Xunta garantías para que a senda Reza sexa exclusivamente peonil e cun plan de seguridade viaria para a zona

A deputada do BNG, por Ourense, Noa Presas  acusou ao director de infraestruturas de “mentir” sobre o proxecto senda de Reza, (treito na estrada OU-402) e pediulle que se desculpe coa veciñanza. Ademais, a nacionalista reclamou unha rectificación e paralizar  un proxecto que non acadou o apoio social e provocará na zona aínda máis inseguranza. “Fagan un novo proxecto consensuado, exclusivamente peonil e acompáñeno dun plan de seguridade viaria”, apostilou.

Para a deputada,  son moitas as necesidades de mellora da seguridade e da posta en valor que precisa a beira do río Miño, pero  o  proxecto que a Xunta e o Concello queren levar a adiante nesta zona, agravará a situación polo que volveu a pedir “a súa paralización, escoitar as demandas da veciñanza e redactar un novo proxecto que non sexa un remendo do actual” porque de non ser así, afirmou, será peor o remedio que a enfermidade.  

Por outra parte recalcou que o  proxecto non recolle ningunha das reclamacións que veciños e veciñas, coñecedores das eivas da zona, veñen reclamando nos últimos anos. Na comisión de Ordenación do territorio, Presas amosou diversas fotografías para ilustrar as deficiencias do lugar do proxecto que no caso de levarse adiante imposibilitaría aínda máis o seu percorrido con seguridade.

Resulta imprescindible mellorar a iluminación, marcar e acondicionar as paradas de autobuses, reducir a velocidade e sobre todo, “poñer en valor o paseo do río”. “Movan ficha e séntense a falar coa veciñanza para consensuar un novo proxecto para reducir  o tráfico e sobre todo, para garantir a seguridade dos peóns.

A VECIÑANZA NON MENTÍA SOBRE OS CICLISTAS

No DOG publicado o 4 de abril de 2018, explicou a nacionalista,  recolle  un anuncio da Axencia Galega de Infraestruturas para someter  a trámite de información pública o “proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista no treito de Reza”. O DOG, dixo, constata que a veciñanza non mentía nin inventaba unha senda para usos de ciclistas.

Presas insistiu en que a  veciñanza  non foi consultada na fase de redacción e  só  foi informada despois das protestas contra o proxecto. Estamos ante un asunto, que en opinión da nacionalista é “moi grave” polo que volveu a reclamar un novo proxecto con medidas racionais e seguras no tránsito da senda Reza. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG