O deputado e portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas insta ao Goberno galego a tomar medidas urxentes no combate da especie invasora da vespa velutina que se alimenta de insectos e sobre todo de avellas mostrando unha grande agresividade.
O nacionalista alerta da “desaparición das poboacións de polinizadores depredados pola velutina” o que está a ocasionar un dano “medioambiental irreparable” e con graves consecuencias no equilibrio ecolóxico.
O BNG traslada ao Parlamento galego a preocupación e demandas da Plataforma STOP Velutina ante a falta de resposta por parte da administración. Neste sentido, reclama da Administración pública a posta en marcha de medidas destinadas ao control da poboación e erradicación desta especie invasora que está prexudicando ao ecosistema galego.
Rivas tamén solicita, a través da proposición non de lei , que a competencia para a xestión da loita contra a velutina sexa asumida por un único organismo especializado na Comisión de Seguimento e que sume tódolos coñecementos e métodos de loita contando coa presenza do sector asociativo apícola nas súas reunións.
Por outra parte, o deputado nacionalista apela á loita preventiva durante a primavera co “trampeo” para a captura de raíñas evitando o nacemento de entre 15.000 e 18.000 exemplares futuras colonias de velutina, e que sexa a Consellería de Medio Ambiente quen asuma o labor de trampeo como unha das estratexias de control citadas no Decreto Español que regula o Catálogo de especies exóticas invasoras.
Finalmente, Xose Luís Rivas tamén defenderá a plena aplicación das actuacións de coordinación recollidas no documento "Estratexias de xestión, control e posible erradicación do tártago asiático", no que se designa ao MAGRAMA e máis ao Grupo de Traballo de Especies Exóticas Invasoras (GTEEI), como a entidades competentes para á coordinación entre Administracións e verificar a “utilidade e funcionalidade” de TRAGSA no combate desta especie invasora.