parlamento galego

O BNG pide modificar a normativa para que a caza non sexa considerada unha actividade deportiva

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará reclamou paralizar os convenios que subvencionan  campionatos  da caza do raposo  dos que dixo buscan  “matar por matar” de maneira  “violenta, agresiva, cruel e inxustificada”

O deputado do BNG Luís Bará pediu hoxe unha modificación da normativa para que “a caza non sexa considerada unha actividade competitiva e deportiva”. Ademais, preguntou polos convenios asinados pola Secretaria xeral para o deporte e a consellería de Medio Ambiente  coa Federación Galega de Caza dende os anos 2016 ao 2020  por un valor de 269.493 euros, desglosados en, “144.000 da secretaria xeral para o Deporte e 125.000 da consellería de Medio Ambiente”.

O parlamentario criticou o  “trato preferente e exclusivo” do goberno galego coa Federación galega da caza con convenios para  campionatos deportivos de caza e   financiamento de campionatos de caza de raposo  que o deputado cualificou de “campionatos de matanza”.

Durante a súa intervención, amosou diversas fotografías con camionetas de transporte cun gran número de raposos mortos e posados de cazadores. Esta caza, recalcou  é “moi violenta e agresiva” e con  cans adestrados. Esta actividade, reiterou, é “cruel e anacrónica” e pretenden xutificala como campionatos competitivos como se fosen campionatos de fútbol en diversas fases.

Campionatos da caza do raposos vs matar por matar

A caza do raposo consiste, explicou o deputado do BNG, en cazar o maior número de pezas entre varios concellos mesmo “sen a autorización preceptiva” dos concellos implicados e lembrou  que  existe un acordo plenario, por unanimidade do ano 2018, instando ao goberno galego a modificar a normativa para impedir estas prácticas e retirar o apoio económico e institucional. Pasado o tempo, dixo, Bará, temos que lamentar que continúe a organización de campionatos definidos pola Sociedade galega de historia natural como “ campionatos que consisten en matar por matar”. Esta actividade non é social nin cinexética, e mesmo algúns colectivos de cazadores mostraron o seu rexeitamento ante a mala imaxe que dan.

Bará matizou que o BNG non pretende dar o debate caza si caza non, o que que queremos e que rematen algunhas prácticas “condenables” e o trato de favor da Xunta coa Federación galega de Caza como a emisión dun   informe da secretaria xeral para o deporte  autorizando a mobilidade entre concellos pechados perimetralmente pola pandemia. As consecuencias deste despropósito tivémolas nos contaxios de cazadores.

Tras a intervención do director xeral, José Ramón Lete, o nacionalista volveu a criticar “o trato de favor da Xunta coa Federación galega de caza” e mostrou a súa sorpresa polo descoñecemento amosado por responsable do deporte sobre o acordo plenario ao que o deputado fixo referencia na súa primeira intervención.

Finalmente, o parlamentario do BNG volveu a reclamar o cumprimento do mandato parlamentar e paralizar os vindeiros campionatos da caza do raposo. “Deixen de subvencionar esa masacre”, sentenciou.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG