Galegas 2020

O BNG pide investigar a venda da antiga Alcoa da Coruña ao Grupo Riesgo que cualifica de “pelotazo”

Concentración Alu Ibérica
Concentración Alu Ibérica

Xosé Luís Rivas recrimina a inacción da  titular do Ministerio de Traballo e pregunta polas  súas promesas electorais  cos traballadores e traballadoras de  Alcoa

Traslada o apoio do BNG ás demandas dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica e pide á Xunta e a Ministerio de Industria  que cumpran cos seus compromisos e cunha solución para o conflito

O BNG participou na concentración convocada polos traballadores e traballadoras  de Alu Ibérica, (antiga Alcoa), na Praza María Pita, para demandar unha investigación na adquisición da empresa por parte do Grupo Riesgo  e investigar as axudas públicas recibidas.

O candidato do BNG por A Coruña, Xosé Luís Rivas reclamou á Xunta e ao Ministerio de Industria que non permanezan “de brazos cruzados” ante un conflito que ten como saída  “a intervención pública” para garantir a actividade da factoría e manter centos de postos de traballo directos e indirectos. Rivas reclamou usar parte dos fondos europeos, 1.300M€, “para impedir o peche de Alu Ibérica e Alcoa en San Cibrao”.

Fraudulenta venda da antiga Alcoa ao Grupo Riesgo

Rivas cualificou a venda da antiga Alcoa ao Grupo Riesgo de “pelotazo” e acusou ao goberno do Partido popular de “connivencia” con fondos que despois “non cumpren os seus compromisos”, polo que pediu responsabilidade á Xunta e “traballar nunha solución para os centos de empregos que penden dun fío”.

 Rivas pide responsabilidades a ministra Yolanda Díaz

O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas afirmou que a Alu Ibérica “é viable e un importante piar do tecido industrial galego” e non podemos consentir que a dirección da empresa decida  pechala. Neste sentido, reprochou á Xunta e a Ministerio de Industria “o desleixo” para buscar unha solución e preguntou donde están agora os que facían promesas electorais de que Alcoa non se pechaba  e teñen neste momento responsabilidades no goberno central como a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

 Xunto a candidata  nº 3, Mercedes Queixas, o portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera  e a concelleira nacionalista, Avia Veira, o candidato do BNG reclamou a  “intervención pública de Alcoa e abrir unha investigación sobre a venda da antiga Alcoa, na actualidade Alu Ibérica  ao  Grupo Riesgo, unha venda que volveu a  cualificar  “de trapicheo de fondos mafiosos”.

“ Alu Ibérica  ten que cumprir os seus compromisos” e non podemos entender que a Xunta continúe “desaparecida” e  con  “escusas de mal pagador” como fixo o conselleiro de Industria na última sesión da Deputación permanente, celebrada esta semana no Parlamento galego. A Xunta, dixo, “non pode botar balóns fóra e ten que darlle unha solución aos traballadores”.

O candidato anunciou que o BNG utilizará todos os medios ao seu alcance para seguir mantendo a actividade de Alu Ibérica e non se perdan os postos de traballo. “É inadmisible” que durante a pandemia  da COVID-19 e ante unha crise económica o goberno galego non reaccione e tolere o desmantelamento do tecido industrial galego, “motor económico de Galiza” e xerador dun gran número de postos de traballo. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG