O BNG pide integrar as 139.000 persoas usuarias de POVISA na sanidade pública

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado: “Nin un só euro máis a empresa mentres non se aclaren as contas e se blinde a mellora asistencial e as condicións dos 1.400 profesionais”

Pregúntase pola negativa da Xunta a explicar os datos no Parlamento que lle fai pensar ao Bloque “en cambalache máis que en chantaxe”

O BNG pide integrar as 139.000 persoas usuarias de POVISA na sanidade pública

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, levou á Comisión de Sanidade do Parlamento a situación de Povisa e denunciou a posición de poder deste hospital privado na área sanitaria de Vigo. Por iso, pediu dar pasos para reverter esa situación e integrar a todas as persoas usuarias na sanidade pública.

 “A preeminencia que ten Povisa no sistema sanitario de Vigo é único non só en Galiza senón no conxunto do Estado, unha dependencia dun hospital privado inaudita porque é indispensable para prestar asistencia sanitaria a 139.000 persoas que non existe en ningún outro lado”, salientou Prado, “e iso porque llo permitiron, porque foron dados pasos até chegar a esa situación”.

Por contra, o Bloque propón reverter esa dependencia até garantir que o 100% das persoas usuarias na área sanitaria de Vigo reciben asistencia nun centro hospitalario público. “Levamos anos reclamando que se dean pasos na dirección contraria e que, en vez de consolidar esa posición de Povisa, se dean pasos para que toda a poboación da área sanitaria de Vigo sexa atendida nun centro público”.

Prado instou ao xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, a aclarar a situación de Povisa despois de que insinuase na súa intervención que o que presentou a empresa privada non podía entenderse como un preconcurso. “Senón temos claro que sexa un preconcurso entón non estamos falando dunha chantaxe senón de algo máis preocupante, porque sería un cambalache e unha permisividade absoluta”, denunciou.

“Preguntámoslle claramente que están negociando con Povisa pero falou de todo menos do que están negociando”, reprochou Prado ante a falta de concreción do xerente do SERGAS.

“Preocúpame que a empresa diga que o concerto está sometido a unhas interpretacións que serían inimaxinables coas persoas do SERGAS que, no seu día, participaron na negociación dese concerto Xunta-Povisa”, indicou Prado.

En definitiva, “o que hai de fondo e que o hospital privado asinou un concerto en base a uns compromisos que non parecen estar moi claros no papel, que despois o SERGAS non está facendo a interpretación que lles convén e agora parece que desde a Consellería de Sanidade se está volvendo a interpretación do concerto que lle convén á empresa”, alegou, “iso é o que se desprende da letra pequena” e das informacións que traslada a entidade privada.

O BNG ratificou a súa “oposición rotunda” a que Povisa “reciba cada vez máis cartos” sen te claro cal é o seu destino. “Pedimos luz e taquígrafos e que non se lle pasen máis recursos públicos a esta empresa privada sen control algún, recalcou.

“Nin un euro máis a Povisa en tanto non queden clarificadas as contas e en tanto non quede blindada unha mellora na asistencia sanitaria e nas condicións laborais dos 1.400 profesionais”. En caso contrario, “a conclusión será que o PP e o SERGAS son cómplices necesarios de que Povisa reciba máis cartos exclusivamente para mellorar a súa conta de resultado”, concluíu.