BNG pide incrementar o persoal na unidade de psiquiatría-infanto-xuvenil do HULA e alerta do alto índice de suicidios e patoloxías entre a xente máis nova

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira tamén demandou actualizar as infraestruturas da unidade e o seguimento de pacientes fóra deste espazo

Lamentou que o Partido popular vetara a proposta do BNG para mellorar a asistencia e o incremento do  persoal

A portavoz de sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira defendeu unha proposición non de lei para incrementar a dotación  do persoal da unidade de psiquiatría infanto-xuvenil do HULA e garantir a  correcta atención á saúde mental da poboación máis nova de Lugo.

Tras a intervención do portavoz popular, Pazos Couñago, a parlamentaria do BNG lamentou que unha vez máis, o Partido popular non respondera cun compromiso para resolver unha situación que deixa sen atención á saúde mental da xente nova. O PP votou en contra da iniciativa do BNG.

A proposta do BNG incluía deseñar circuítos de entrada e de saída do hospital de día, para garantir a comunicación entre profesionais dos diferentes niveis asistenciais e o correcto acompañamento e seguimento posterior das pacientes fóra da unidade. Asemade, elaborar un plan que deberá ser publicado, nun prazo máximo de 3 meses, para a adecuación do espazo e mellora das infraestruturas desta unidade.

Carreira incidiu na necesidade de aumentar a dotación de recursos humanos e materiais que permitan ter o maior número de camas posible para a unidade e  establecer un plan global para dotar a todas as áreas sanitarias de Galicia de unidades de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil.

Desde o BNG, explicou a nacionalista,  levamos moito tempo traballando para esixir melloras na atención á saúde mental da poboación. Melloras urxentes que tropezan continuamente  co veto do  Partido Popular. Neste sentido, criticou que o PP careza de “planificación, orzamento e medidas de  prevención na saúde mental da poboación”.

Suicidio de 331 persoas no ano 2021, 23 menores de 30 anos e 9 menores de 20

Os datos  publicados polo IMELGA, no ano 2021, explicou a nacionalista, recollen o suicidio de 331 persoas das que  23 eran menores de  30 anos e 9  menores de 20 . Se nos centramos en Lugo”, a provincia  presenta o maior número de suicidios en termos porcentuais, cunha cifra de 16 suicidios por cada 100.000 habitantes, por riba do 12,28 % que presenta Galiza, e por riba da taxa estatal que se sitúa no 7,79%, e a  europea co 11,93%.

O suicidio na mocidade é a  primeira de causa de morte non natural no noso país e investigacións recentes da OMS indican que o suicidio é a cuarta causa principal de morte entre a mocidade de 15 a 19 anos.

 Por outra parte, Segundo datos publicados pola propia da Organización Mundial da Saúde (OMS), “unha de cada sete mozas padece algunha doenza de saúde mental” e o  Foro Europeo da Mocidade constatou que, tras a pandemia, “case dous de cada tres mozos/as poden verse afectados/as por problemas de saúde mental” relacionados coa  contorna socioeconómica da mocidade.

Na actualidade, engadiu a nacionalista, detectamos  “un preocupante incremento nos trastornos aditivos, tanto adicións con substancia e unha  importante  adición ao xogo” ao que sumou trastornos na conduta  alimentaria.

A nacionalista preguntou que atención dedica o goberno galego a saúde mental, porque estamos “ á cola nas rateos profesional/paciente, dá igual se falamos de psiquiatras, psicólogas, enfermeiras especialistas en SM, terapeutas ocupacionais, etc, listas de espera que superan os 4-6 meses para unha primeira consulta nas USM, e a atención á saúde mental das galegas depende  fundamentalmente da sanidade privada porque a pública non pode asumila”, ou máis ben, recalcou, “alguén non quere asumila”, en clara referencia ao Partido popular.

Unidade de psiquiatría do HULA, referencia para 40.000 menores da provincia

A unidade de psiquiatría infanto-xuvenil do HULA é a  referencia para as case 40.000 menores que viven na provincia de Lugo, reiterou a deputada, unha unidade “cun cadro de persoal extremadamente reducido”.

 A pesar desta grande poboación reiterou que a unidade conta cun cadro de persoal extremadamente reducido, “ dúas psiquiatras, dúas psicólogas, dúas enfermeiras, unha terapeuta ocupacional e unha traballadora social”.

Ademais  “da escaseza de persoal” salientou  “o  desleixo organizativo” e explicou que non existe  ningunha canle para derivar pacientes a este hospital de día. “Se unha pediatra dun centro de saúde, ou unha médica de familia detecta  unha paciente que se beneficiaría do seguimento nesta unidade, neste hospital de día, ten que buscarse a vida, e intentar contactar como poida coa psiquiatra, coa psicóloga ou coa enfermeira para expoñerlle o caso”.

Por contar, non contan tan sequera cun espazo axeitado físico para realizar a asistencia, o que vén dificultar máis aínda o traballo diario destas profesionais.

Esta iniciativa, recalcou a deputada do BNG, responde ás reclamacións  das familias, sobre os dereitos do persoal doente e pedimos  e que os traballadores e traballadoras poidan exercer a súa actividade de maneira digna e “mellorar a asistencia que se presta”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG