Congreso

O BNG pide que se distribúan gratuitamente máscaras a toda a poboación

Néstor Rego demandou a realización de test a toda a poboación, comezando polo persoal que a diario traballa en zonas de risco.

O BNG cre que será necesario reforzar o conxunto dos servizos públicos para atender adecuadamente as necesidades da poboación, polo que reclama a eliminación da Taxa de Reposición de Efectivos.

O Bloque Nacionalista Galego insistiu na comparecencia do Ministro Salvador Illa na Comisión de Sanidade na necesidade de medidas máis contundentes para unha maior eficacia de todo o operativo de contención e control da epidemia. Entre elas, a distribución masiva e gratuíta de máscaras a toda a poboación, a xeneralización de test para identificar máis rapidamente e poder illar os positivos e fornecer de EPIs todo o persoal que debe traballar nunha zona de risco.

O deputado Néstor Rego subliñou a falta de previsión do Goberno á hora de adquirir, stokcar ou fabricar material básico para o control da epidemia, imprevisión agravada polo caos e ineficacia posterior na xestión e distribución deste material. Mais insistiu en que, máis de un mes despois da declaración do Estado de alarma, non hai escusa para non poder contar cos materiais necesarios. “Entendemos que a estas alturas, despois das medidas adoptadas, o goberno debe estar en condicións de garantir que se xeneralice o uso de máscaras”.

Rego foi crítico Tamén coa demora na adopción de medidas como reducir o IVE das máscaras, (“non para particulares” –destacaba Rego-) ou fixar un prezo máximo para materiais como luvas, máscaras ou solución hidroalcohólicas. Para o deputado do BNG “é necesario que o Goberno distribúa masivamente e de forma gratuíta máscaras a toda a poboación”, especialmente relevante nos centros de traballo.

Avogou ademais pola realización masiva de test á poboación, loxicamente comezando “polo persoal que a diario traballa en zonas de risco ou en actividades que pola súa natureza esencial poida acabar afectando ao conxunto da poboación” sinalaba o deputado na Comisión de Sanidade.

Rego reclamou tamén que o Goberno elimine a Taxa de Reposición de Efectivos por entender que no escenario pos-emerxencia sanitaria “será necesario reforzar o conxunto dos servizos públicos para atender adecuadamente as necesidades da poboación, garantir medios para executar o impulso económico e, sobre todo, manter unha sanidade pública fortalecida e preparada para facer fronte ao COVID-19”.

O deputado nacionalista advertiu que, entre outras cousas, se vai necesitar máis persoal para poder establecer a figura dos rastreadores para que no futuro se poidan atallar os casos que xurdan antes de que se estendan e poidan afectar á saúde das persoas do entorno familiar, social ou laboral e tamén á actividade económica.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG