O BNG pide á CRTVG que escoite as demandas do persoal, despois de medio ano de mobilizacións

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil lembra que os “Venres Negros” cumpren seis meses, unha mobilización sen precedentes nos 33 anos da Corporación

O BNG pide á CRTVG que escoite as demandas do persoal, despois de medio ano de mobilizacións

A deputada do BNG, Olalla Rodil pediu hoxe ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo que “escoite as demandas do persoal despois de medio ano de mobilización permanente”.

Na pregunta parlamentaria ao director da CRTVG, Rodil lembrou que os Venres Negros compren seis meses de mobilización, que cualificou de “histórica” e sen precedentes nos 33 anos de existencia da Corporación.

Entre as reclamacións a parlamentaria destacou “a creación do Consello de informativos e  Estatuto profesional, tal e como prevé, dixo a Lei 9/2011, blindar o servizo público, cesar a manipulación  e que se respecten escrupulosamente os dereitos laborais das/os profesionais”.

Neste sentido, preguntou ao máximo responsable da CRTVG  cando vai atender a dirección as demandas do persoal, despois de 28 Venres Negros, da convocatoria de paros parciais e a convocatoria de folga para os días 19 e 22 de decembro?

Rodil insistiu nas demandas dos traballadores e traballadoras que  levan “28 semanas mobilizándose nos Venres Negros, seis meses, e teñen convocadas dúas xornadas de folga, o 19 e 22 de decembro, na defensa deste servizo público”, fundamental para o conxunto da poboación.