BNG pide á conselleira do Mar que medie no conflito entre bateeiros e percebeiros por la extracción de mexilla e advirte de futuros enfrontamentos ante a falta de solucións

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez reclamou diálogo e vontade política para recuperar o entendemento de tantos anos atrás para non ter que lamentar novos enfrontamentos entre os dous colectivos

Acusa á consellería do Mar de non exercer as súas funcións e aplicar a vella máxima de M.Rajoy “as  veces a mellor decisión é non tomar ningunha decisión, que tamén é unha decisión”

A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez interpelou hoxe á conselleira do Mar co fin de acadar un compromiso da consellería para mediar ante o conflito entre bateeiros e percebeiros pola recollida de “mexilla” de “maneira ilegal e fora de campaña”.

Para a deputada, as actuais condicións poden conducir a “graves incidentes” entre ambos sectores e a consellería do Mar ten a “responsabilidade de mediar” na procura de recuperar o entendemento que ambos mantiveron  durante moitos anos.

A nacionalista explicou que  nos últimos 10 anos, o sector pesqueiro galego perdeu máis de 500 embarcacións,  afiliación á Seguridade Social no réxime da pesca e acuicultura, experimentou unha caída  dun 20% dende 2009 e no marisqueo pasou de 4.755 permisos  a pé a  menos de 3.700 na actualidade.

Os  datos do Plan de Control de Vertidos, de Augas de Galiza tamén   constatan que en 2020,  detectáronse 249 vertidos contaminantes ás rías galegas e no 2021 (só ata setembro) 265, superando os detectados durante todo o ano  2020. Os datos “gritan a voces o que a Xunta cala e oculta”, afirmou a nacionalista e demostran que  as actuacións do Goberno galego en saneamento e depuración son totalmente “insuficientes” e,   a produción pesqueira, marisqueira e mexilloeira está a sufrir cada vez maiores consecuencias.

Pois ben, neste contexto, dixo Rosana Pérez,  a Consellaría do Mar permítese aínda o luxo de levar ata as últimas consecuencias aquela máxima de M. Rajoy de “ás veces a mellor decisión é non tomar ningunha decisión, que tamén é unha decisión”, criticou a deputada.

Todas estas decisións, recalcou a deputada, “son exclusiva e unicamente súas” porque a  extracción da mexilla é da súa competencia, das poucas que ten e  agora temos  claro porque  levan vostedes 12 anos sen solicitar ningunha competencia , “porque cando a teñen, non queren xestionalas nin teñen a quen botarlle as culpas da súa mala xestión”.

Durante  12 anos, reiterou Rosana Pérez,  houbo conflitos entre  bateeiros e  percebeiros, na maioría dos casos  enfrontamentos puntuais pero no ano 2000 o PP decidiu por en marcha unha normativa para regular a extracción da semente en bancos naturais que acompañaron dun decreto no ano 2019 “sen consenso nin diálogo con ninguén”.

A deputada  aludiu ao punto que realmente crea o conflito “os plans de xestión de percebe poderán reservar zonas para a extracción de semente de mexillón”. Un punto, subliñou,  que nin sequera é imprescindíbel que figure deste xeito.

Despois de meses sen acordos, sen máis miramentos e apremada polas tensións que viña habendo entre os sectores, a Consellaría dita unha Resolución na que modifica as zonas de extracción da semente do mexillón e o 29 de novembro (o 1 de decembro comeza a campaña) convoca á Mesa do Mexillón e preséntalle os mapas e a zonificación que viña de facer de xeito unilateral, causando, evidentemente, un grandísimo mal estar que a Consellaría segue sen querer xestionar.

A situación agrávase cando na  reunión da  semana pasada co sector mexilloeiro non houbo posibilidade algunha case nin de falar.

Nestes momentos, o deterioro da situación, fomentada pola propia Consellaría, esta derivando  “nunha recollida de mexilla totalmente ilegal e fóra de campaña” que fai necesario reconducir o conflito. Dende o  BNG recoñecemos que a tarefa non é sinxela,  e tamén recoñecemos que neste país non estamos en condicións de perder un só posto de traballo nin de eliminar ningún sector do mapa porque o sector mexilloeiro galego é punteiro. Pola súa parte, a  Xunta subvencionou proxectos, con millóns de euros, cuxo obxectivo era buscar alternativas á produción da mexilla fóra do medio natural. “Proxectos dos que non sabemos os seus resultados, proxectos que a Xunta non impulsa suficientemente e coa conciencia de que son, e serán aínda máis no futuro, unha necesidade para manter a un sector tan potente”.

A parlamentaria do BNG volveu a reclamar “un compromiso” da Consellería do Mar para achegar posturas entre o sector e mediar nun conflito que, ao seu xuízo,  non pode seguir demorándose no tempo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG