O BNG pide que comparezan Restoy e Guindos pola falla de transparencia na venda de NCG

O BNG pide que comparezan Restoy e Guindos pola falla de transparencia na venda de NCG

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou a comparecencia do Presidente do FROB, Fernando Restoy, e do Ministro de Economía, Luis de Guindos, para que canto antes acudan á Cámara a dar explicacións sobre o “nada transparente proceso de venda de NCG”.

Ademáis, o BNG presentou unha batería de iniciativas parlamentares en relación a este tema: unha pregunta escrita, preguntas orais e unha proposición non de lei. Davila insta ao Goberno a paralizar a venda de Novacaixagalicia debido “á falla de transparencia, de neutralidade e de seguridade xurídica que se está a observar no proceso”.

A parlamentar nacionalista plantexa que se esgoten o prazo de 2019 para adoptar calquera decisión en relación á venda. Mentras tanto, pide ao Executivo que estude a posibilidade de manter NCG como entidade pública nacionalizada, otorgándolle o carácter de entidade sistémica.

Critica Davila o proceso de venda iniciado polo FROB porque “a evolución do proceso de subasta aporta moitos motivos para demandar a imediata paralización da venda. E non nos referimos a retrasar a subasta como decidiu o FROB, senón a paralizalo”. Neste punto, fai especial mención ao problema dos beneficios fiscais e ao cambio de última hora de criterios por parte do FROB. “Ultimamente, coñecemos que os beneficios fiscais que poida aplicar o comprador non se terán en conta no momento de avaliar as ofertas.

É un cambio dos criterios do FROB após de ter comunicado ás institucións internacionais o criterio contrario, que avaliaba incluso un informe legal feito por un membro do Consello de Estado en excedencia”.

A deputada do BNG reprocha a Guindos que os posíbeis compradores non coñecen as reglas que van rexer na operación porque non se estabelece se van compensar con algún mecanismo os beneficios fiscais a utilizar ou se se aceptará un esquema de proteción de activos. É preciso lembrar que as entidades estatais teñen dereito a deducir 4.500 millóns e as internacionais 2.500.

Olaia Fernández Davila cualifica o proceso de “falto de seguridade xurídica porque as reglas non se coñecen publicamente. É inconcebíbel a arbitrariedade, discrecionalidade e falla de rigor con que avanza este proceso que atinxe a unha entidade nutrida con fondos públicos”. Para Davila “non hai razóns para unha venda tan apresurada, salvo que se persiga satisfacer intereses financeiros determinados”.

“O BNG considera de importanza estratéxica para Galiza a permanencia de NCG como banco galego independente para manter o aforro dos galegos e galegas”. Davila sinala que a venda suporá un “negocio ruinoso para os contribuíntes, pois despois de destinar 9.000 millóns de euros de fondos públicos para o seu saneamento, a venda en réxime de subasta non permitirá recuperar todo o investido”. Sen esquecer que non se resolviu a restitución do carto estafado nas preferentes.