BNG pide o cese dos responsables de Igualdade por culpar ás mulleres de ser o detonante da violencia machista cando deciden separarse dos agresores
Presas: “Non son declaracións feitas na barra dun bar senón alegacións presentadas polo goberno do PP a un informe do Consello de Contas”
É unha proba máis de que o goberno de Rueda asume o discurso negacionista da extrema dereita en materia de violencia de xénero, alega
O BNG pide ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que cese de inmediato aos máximos responsables da loita contra a violencia machista, o director xeral de loita contra a violencia de xénero, Roberto Barba, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, tras as escandalosas alegacións remitidas ao Consello de Contas nas que, se argumenta que é a decisión das mulleres de deixar aos seus agresores actúa como espoleta de moitos casos de violencia, responsabilizando así á vítima, ademais de minimizar o papel da prevención e sensibilización no combate contra a violencia de xénero.
“Culpabilizan ás mulleres por separarse e denunciar atribuíndo ser o detonante das agresións machistas e dos feminicidios e isto é extremadamente grave”, denuncia a deputada e portavoz parlamentaria de Igualdade Noa Presas, “que pretende o señor Rueda, que as mulleres que están nunha situación insoportable de violencia machista calen e aguanten no lugar de denunciar e de se separar dos seus maltratadores?”, interpela.
Presas destaca que esta argumentación non responde a unhas declaracións improvisadas, senón que foron presentadas polo goberno do PP como alegacións a un informe do Consello de Contas no que o ente fiscalizador reprochaba ao Executivo de Rueda o escaso investimento en políticas de sensibilización e prevención contra a violencia machista.
“Non son unhas declaracións que este señor (Barba) fixera na barra dun bar, é que son unhas alegacións por escrito, asinadas de puño e letra por un responsable político da Xunta o que revirte aínda máis gravidade, de feito, a resposta que o propio Consello de Contas dá é demoledora deixando claro que non hai pé a introducir semellante argumentación. O que ten que facer este señor é dimitir ou ser cesado porque demostrou, tanto el como a súa superior, que están incapacitados para defender os dereitos das mulleres neste País”.
Para o Bloque, é unha proba máis de como o goberno do Partido Popular asume o discurso negacionista da violencia machista que promove a extrema dereita. “O que di Rueda é que concienciar á sociedade contra a violencia de xénero non é útil negando a evidencia científica, ou realmente o que pretende é que non se traballe contra o machismo porque xa está adherido de todo as teses da extrema dereita”, interpela Presas, para quen “ás alegacións son dunha gravidade extrema e unha proba máis de até que punto o PP abraza as teses negacionistas da extrema dereita cando se trata de violencia machista”.
A formación nacionalista volve poñer sobre a mesa a súa proposta de destinar o 1% do orzamento da Xunta á combater a violencia contra as mulleres, o que suporía 130 M€ de euros anuais fronte ós 26,5 M€ que recollen as contas de 2025; ademais de reverter a privatización de servizos públicos como os centros de crise. “O Consello de Contas acaba de avalar o que o movemento feminista e o BNG levamos anos denunciando: que falta prevención, que faltan medios e persoal e que sobra privatización”, sentencia.
Neste sentido, o BNG anuncia que presentará iniciativas centradas en que se aumente o orzamento, en reforzar o persoal público tamén nos Centros de información á muller e para reverter a privatización dos centros de crise 24 horas e das casas de acollida.
Estamos ante un goberno do PP onde o presidente da Xunta, recordou Presas, “encubriu durante meses a un conselleiro presunto agresor sexual ao que despediu entre aplausos; que se negou a convocar un comité de crise tras sucederse tres asasinatos machistas case consecutivos; que suprimiu a materia de igualdade no ensino, que non garante o dereito ao aborto na sanidade pública ou que recortou as axudas ás mulleres vítimas da violencia de xénero”.
A deputada trasladou todo o apoio e solidariedade do BNG a moza agredida sexualmente en Ferrol por unha manada, ao tempo que fixo fincapé no preocupante incremento da violencia machista, nun contexto no que avanzan os discursos negacionistas.