galegas 2024

BNG pide un cara a cara entre Pontón e Rueda na TVG para que os galegos e as galegas coñezan “sen filtros” as dúas alternativas reais para liderar o próximo goberno

Rubén Cela
Rubén Cela

O Bloque sae a por todas e anuncia a campaña máis intensa da súa historia, con centos de actos ao longo e ancho do País para dar a coñecer o seu programa

“Será unha campaña en positivo, lonxe das liortas das forzas estatais que nada teñen que ver coas as preocupacións da xente”, asegurou Rubén Cela

O coordinador da campaña do BNG, Rubén Cela, vén de remitir unha carta ao director xeral da CRTVG para solicitar a celebración dun debate entre Ana Pontón e Alfonso Rueda para que os galegos e as galegas podan coñecer “sen filtros” as dúas alternativas con posibilidades reais de liderar o próximo goberno da Xunta.

“É esencial en democracia o contraste das opinións e que a cidadanía poida contrastar os e as candidatas e as súas alternativas programáticas”, asegurou Cela, e por iso o BNG xa confirmou a súa participación nos tres debates que se propuxeron até o día de hoxe (na Cadena Ser o día 2, na TVG o 5 e en  TVE o 14).

Comité Electoral do BNG
Comité Electoral do BNG

A maiores,  a formación nacionalista reclama outro debate nos medios públicos galegos a celebrar na segunda semana da campaña electoral, así como un cara a cara entre a líder da oposición e o presidente da Xunta. “Non pedimos nada estraño, TVE xa o fixo no marco das pasadas eleccións xerais”, afirmou Cela, para quen un debate entre os dous candidatos con posibilidades reais de liderar o goberno que saia das urnas o 18-F, tal e como indican as primeiras enquisas publicadas, é “o lóxico, o normal, o democrático e o máis razoable”.  

“É o que demanda a cidadanía galega”, engadiu, polo que emprazou a Rueda e ao PP “a que non se agochen, que non lle teñan medo a debater e que permitan que os medios públicos cumpran coa súa función nun proceso electoral como este”. Insistiu en que o BNG acudirá a todos os debates porque o contrario, dixo, “é covardía e un desprezo á cidadanía”.

Rubén Cela fixo estas declaracións tras reunión do comité de campaña,  unha campaña que “será a máis intensa da historia do BNG” con centos de actos ao longo e ancho do País para dar a coñecer as propostas da formación de cara á vindeira cita coas urnas. “Saímos a por todas” subliñou, cunha campaña “propositiva e en positivo” que será contrapunto “ás liortas das forzas estatais que pouco o nada teñen que ver coa realidade do País e coas necesidades e preocupacións da poboación galega”.

Homenaxe nacional a Castelao. A intensa axenda de actos do Bloque arrancará o vindeiro día sete en Rianxo. Será un “acto especialmente simbólico” na localidade natal de Castelao, ao que se renderá homenaxe aproveitando a efeméride do seu falecemento. Será o “pistoletazo de saída” a un programa que incluirá “actos masivos” e de carácter sectorial, así como algunha “sorpresa” que o BNG irá desvelando en vindeiras datas.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG