Parlamento Galego

O BNG pide baixar os impostos sobre a electricidade para abaratar a factura da luz

Noa Presas
Noa Presas

O BNG levou ao Parlamento unha proposta para instar ao Goberno central a baixar os impostos da electricidade para abaratar a factura de luz. En concreto, insta a aplicar á electricidade o IVE superreducido do 4% por tratarse dun ben de primeira necesidade, e demanda tamén do Estado a supresión do imposto especial sobre a electricidade.

A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, explicou que a Axencia Internacional da Enerxía “coloca ao Estado español tres puntos por riba nos impostos cos que grava bens de primeira necesidade como a luz”,  e lembrou que  isto se produce “nun momento de extraordinaria dificultade” para miles de familias, nun contexto económico marcado polo desemprego, salarios baixos, precariedade e emigración.

Nesta situación,  “e en plena escalada de subida do prezo da luz”, Presas pide ao Goberno da Xunta “que se poña de parte das persoas e non de parte das empresas”. “Ata agora foron vostedes cómplices das empresas”, criticou, “permitindo prezos abusivos e mesmo permitindo un servizo pésimo como quedou de manifesto nestes últimos días”, lamentou Presas.

O BNG tamén pediu á Xunta que confronte co Estado en canto ao mandato de Madrid de repercutir na factura da luz dos e das usuarias o canón eólico cobrado polo goberno galego, -arredor de 23 millóns de euros-, o que suporía un novo incremento no prezo da enerxía que se sumaría ao tarifazo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG