O BNG pide axudas para o persoal das cofrarías de Aldán, Rianxo, Barallobre, Ferrol, Carril e Vilaxoán

Montse Prado
Montse Prado

Estas confrarías quedan nunha situación moi precaria tras a negativa de Pesca a facilitar as subvencións con cargo ao FEMP, advirte Prado

A portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, traslada á Cámara a precaria situación na que quedan as confrarías de Aldán, Rianxo, Barallobre, Ferrol, Carril e Vilaxoán despois de que a Xunta desestimase a concesión de axudas para contratación de persoal que realiza labores de vixilancia e asistencias técnicas, que se nutren de recursos procedentes do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP).

Estas subvencións son concedidas ao amparo da orde publicada no DOG o 7 de setembro que establecía as bases reguladoras xerais en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos financiados polo FEMP que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña cunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos ecosistemas, así como do fomento da sensibilización ambiental.

Pero no mes de decembro, a Consellaría do Mar notificou ás mencionadas confrarías que desestimaba as solicitudes presentadas destinadas fundamentalmente a pagar ao persoal que realiza os servizos de vixilancia e asistencias técnicas e a persoal biólogo.

O traballo que realizan contribúen á xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, que permitan mellorar as condicións de vida e de traballo das persoas que se adican a esta actividade. Igualmente, que contribúan á conservación do medio mariño e das súas especies.

Para o Bloque, non se sosteñen os argumentos dados para desestimar as subvencións en base a que os pósitos penalizados teñen diversas sancións. Como alegan as confrarías,  é un argumento desproporcionado que noutros casos non impediu recibir a axuda e, ademais, non quedan claros os criterios que levan a aceptar determinados proxectos e a denegar outros.

“Con esta decisión, a Consellaría do Mar está a causar un moi grave prexuízo económico ás confrarías afectadas que levan asumido o custe pola contratación deste persoal técnico”, indicou Prado. Por exemplo, no caso concreto de Rianxo deixará de recibir 80.000€ e terá que despedir profesionais que realizan traballos como seguimentos dos proxectos e control do furtivismo. “Algunhas destas confrarías mesmo poden verse abocadas ao peche”, advirte a deputada.

Por iso, o Bloque demanda da Consellería do Mar que adopte as medidas necesarias para conceder as subvencións solicitadas a estas cofrarías, nada menos que para proxectos que contribúen á protección e recuperación da biodiversidade mariña, á conservación dos recursos mariños e dos ecosistemas, así como do fomento da sensibilización ambiental.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG