O BNG pide ao Ministerio de Industria e á Xunta implicarse con ALCOA para manter o emprego

Ana Pontón
Ana Pontón
Pontón critica a “política de brazos cruzados” de Feixóo e propón que o ministerio constitúa una mesa de seguimento para garantir a actividade e postos de traballo
O BNG pide ao Ministerio de Industria e á Xunta implicarse con ALCOA para manter o emprego

A portavoz nacional, Ana Pontón, o deputado no Congreso, Nestor Rego, e o portavoz municipal na Coruña, Francisco Jorquera, mantiveron un encontro con representantes do comité de empresa da antiga factoría de ALCOA na que analizaron a situación da fábrica que os propios traballadores e traballadoras definen como “dramática”, pois están en xogo centos de empregos na comarca da Coruña polo que é urxente que se tomen medidas para reactivar a actividade e evitar perder empregos.

O encontro prodúcese tras a nova compra-venda apenas oito meses despois da venda tutelada polo Ministerio de Industria e apoiada pola Xunta na que a antiga ALCOA pasou a mans do fondo suízo Parter Capital, como suposta solución para dar continuidade a fábrica situada na Coruña.

Pero neste tempo non ser desenvolveu o plan industrial previsto e simplemente se entrou nun proceso especulativo para volver revender a factoría, “e o cadro de persoal acaba de transmitirnos que non ten información nin documentación algunha deste novo proceso de compra-venda máis aló das dúbidas da solvencia e a praxe empresarial dos novos compradores”, salienta a portavoz nacional tras o encontro.

Ante esta situación, o BNG demanda “a implicación da Xunta e do Ministerio de Industria e o primeiro é investigar a venda e ter garantías de que nin Xunta nin Ministerio van avalar ningunha operación que non garanta o emprego e a actividade industrial”, demandou Pontón. Igualmente, o Bloque propón “a constitución dunha mesa de ALCOA no Ministerio de Industria para que se desenvolva o plan previsto e reactivar a actividade na fábrica da Coruña”.

A dirixente do Bloque destaca que “está en xogo o futuro de centos de empregos no país e para que as cousas saían ben en Galiza temos que ter un goberno que lidere e non un goberno inútil instalado nunha estratexia de botar balóns fora, sobre todo cando a Xunta ten competencias exclusivas en industria, porque a súa política de brazos cruzados a pagamos en perda de emprego e de actividade industrial”.

O BNG entende que as declaracións da multinacional ALCOA engaden incertezas ao declarar que a re-venda rompe as condición da transición acordada en xullo de 2019 e pode afectar ao cumprimento dos compromisos adquiridos pola multinacional americana, entre eles os investimentos pactados na planta coruñesa e garantir a súa viabilidade.

Ademais, o feito dunha re-venda só oito meses despois evidencia tamén a falta de compromiso real de Parter Capital á hora de poñer en marcha un proxecto industrial para a factoría. “Todos estes movementos especulativos poñen en cuestión o papel que xogou tanto a Xunta como o Ministerio de Industria á hora de avalar esa venta, e no BNG temos unha gran preocupación pola actitude dos gobernos nestas circunstancias”, indica Pontón.

Estafa cómplice

A esta situación hai que engadir o problema derivado dos custes enerxéticos que afectan ás industrias electrointensivas. O BNG considera que sería inaudito que coa crise industrial que soporta Galiza non houbese unha mobilización das administracións públicas para salvar o emprego, “e entendemos que o que están facendo estes grupos é unha auténtica estafa á sociedade galega coa complicidade e pasividade da Xunta e do Goberno central, incapaces de buscar unha solución”.

Pontón considera moi grave que o Goberno de Feixóo estea “de brazos cruzados mentres temos en xogo centos de postos de traballo e necesitamos un Goberno que se responsabilice, que se poña á fronte porque o que é absolutamente inútil para os traballadores e traballadoras de ALCOA é a política de botar balóns fora e a pasividade e de non querer responsabilizarse da política industrial en Galiza”.

O BNG trasladou aos traballadores e traballadoras o seu apoio e compromiso para facer unha fronte común que poña por diante a defensa do emprego en Galiza, para que canto antes se poida reiniciar a actividade na antiga ALCOA, “porque estamos nunha situación crítica e non podemos permitirnos o luxo de perder nin un só posto de traballo”.

 

O BNG pide ao Ministerio de Industria e á Xunta implicarse con ALCOA para manter o emprego