BNG pide ao goberno que non peche unidades de hospitalización durante o verán e o PP xustifica a medida nas vacacións do persoal

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira reclamou contratar máis persoal e cubrir as substitucións para non pechar camas, quirófanos e probas diagnósticas nos centros hospitalarios do SERGAS

A portavoz de sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira instou ao goberno a “no pechar unidades de hospitalización durante o verán,  realizar as contratacións e substitucións de persoal necesarias  para non proceder ao peche de camas e a diminución da actividade nos quirófanos e probas diagnósticas nos centros hospitalarios do Sergas.

A proposta defendida pola nacionalista tamén incluía, “manter  operativos todos os recursos dos que dispón o Sergas, camas, quirófanos, probas diagnósticas... e non realizar ningunha derivación de doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñíbeis, sen ser usados nos centros públicos”.

A deputada pediu  facer públicas  as listas de espera para as  intervencións cirúrxicas, probas diagnósticas e consultas así como presentar no Parlamento galego “a estratexia para rebaixar as listas de espera”, especialmente aumentadas coa pandemia pola Covid 19.

Por outra parte, solicitou presentar no  Parlamento, o informe utilizado pola  Consellería de Sanidade para a planificación  da atención sanitaria no verán,  listas de espera, persoal dispoñíbel para ser contratado e a  repercusión nas listas de espera do parón dos catro meses,  ao que sumou  o informe coas contratacións realizadas nos centros hospitalarios para substituír ao persoal nas catro meses de verán, “desagregadas por centro, mes ou quincena, e por categorías profesionais”.

Na súa intervención, Iria Carreira destacou a necesidade de coñecer  as derivacións realizadas polo Sergas á centros privados nos últimos cinco anos, “desagregadas   por centro hospitalario e  especialidades, tanto cirúrxicas como de probas diagnósticas.” Polo que demandou ao SERGAS remitir ao Parlamento un informe que recolla todos estes datos.

O Partido popular, dixo, leva anos coa mesma política de bloqueo de camas hospitalarias cando se aproximan os meses de verán amparándose nas vacacións do persoal e a baixa demanda asistencial, sen embargo, afirmou, moitas vacacións e permisos foron denegadas en función das ondas da pandemia. “Denegación que agora utilizan para pechar camas por falta de persoal”. A xuízo da nacionalista, cada verán repítese “a falta de planificación” e o SERGAS continua coa mesma folla de ruta de sempre.

Medio millar de camas bloqueadas no verán

Estamos a falar, explicou a deputada, de máis de medio milleiro de camas bloqueadas,  “135 na Área sanitaria de Vigo, 131 na da Coruña-Cee, 91 en Compostela, 90 na de Pontevedra-O Salnés, 68 na de Lugo e 38 na de Ferrol”.

De Ourense, descoñecemos os datos porque o SERGAS negase a facilitalos. “A transparencia”, enfatizou,  non é a maior virtude do  goberno do Partido popular.

O bloqueo das camas execútase de maneira directa ou a través dos servizos de administración ao igual que acontece coas listas de espera, “hai unha oficial e outra oculta” e dende que goberna Feixóo pasamos de 9.863 camas en funcionamento  a 8.906 no ano 2019. Estamos á cola do Estado en número de camas, 3,14 por 1.000 habitantes e moi lonxe do que marca a OMS, 8 e 10 por cada 1.000 habitantes. “Urxe reverter esta tendencia, comezando polos peches do verán baixo criterios políticos e non sanitarios”.

A proposta defendida pola deputada do BNG, Iria Carreira, foi rexeitada  polo grupo parlamentario do Partido popular xustificando o peche de camas no calendario de  vacacións do persoal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG