- O deputado do BNG, Luís Bará considerou que o aumento de denuncias debe garantir a formación dos e das profesionais de seguridade que interveñen en situacións de violencia machista
O parlamentario do BNG, Luís Bará formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre a a formación en materia de prevención e atención da violencia machista para as persoas profesionais que traballan nos corpos de seguridade de Galiza e máis concretamente na Policía local.
Trala pregunta do nacionalista, o director de Emerxencias e Interior, Luís Melón Pérez comprometeuse a ampliar a oferta de cursos de formación para o persoal da seguridade pública “se as demandas así o requiren” ao que o deputado respondeu que na actualidade existe “moito persoal novo que precisa unha formación actualizada e permanente” e a demanda pode xerarse potenciando esta materia formativa.
Luís Bará explicou que a orde publicada no mes de febreiro de 2017 recolle 47 cursos polo que preguntou a Melón a que actividades, a maiores, relacionadas con esta materia se referiu na súa intervención xa na que na oferta convocada para as policías locais non aparecen convocadas. En todo caso, dixo, “todo o que sexa incrementar a formación integral contra a violencia de xénero é moi importante” e os corpos de policía local teñen unha participación moi directa nas denuncias das vítimas e da súa contorna.Nesta liña engadiu que para o BNG, resulta “insuficiente” a oferta no ámbito da formación e da Academia Galega de Seguridade Pública para conseguir que a “resposta e a eficacia sexa maior”.
Bará reiterou que contra a violencia de xénero é necesario implicar “de maneira transversal” a as administracións públicas con competencias na materia, provincial, sanitaria, xudicial e educativa porque cada vez hai máis denuncias e canta máis formación teña a policía local “mellor será a resposta” para atender ás vítimas de violencia machista, recalcou.