BNG pedirá no Parlamento que non se reduzan horas de atención primaria en Castrelo do Val

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas acusa ao PP de aproveitar a pandemia para dinamitar a atención primaria no rural e crear veciños de primeira e de segunda e pide que se comprometa o mantemento íntegro do servizo ante a preocupación veciñal
BNG pedirá no Parlamento que non se reduzan horas de atención primaria en Castrelo do Val

A deputada por Ourense, Noa Presas, rexistrou iniciativas no Parlamento Galego diante do coñecemento de que o SERGAS valora a posibilidade de reducir as horas de atención do centro de Saúde de Castrelo do Val e deixala presuntamente en 3 horas. Esta é a información que circula na localidade e desde o BNG demandan da Xunta de Galiza que comprometa o mantemento do servizo e garanta que se vai manter a atención sen reducir horas ou días de asistencia.

A nacionalista recorda que “Nos últimos meses o Sergas reduciu, eliminou ou deixou sen cobertura diferentes prazas en poboacións rurais e temos un exemplo moi cerca, no PAC de Viana do Bolo aínda non se cubriu a praza médica que quedou vacante despois do concurso de traslados”. Ao BNG preocúpalle que “o Partido Popular está aproveitando a pandemia para clausurar a Atención Primaria e impoñer a telemedicina, para dinamitar a atención primaria no rural e crear veciños de primeira e de segunda recuperando algúns servizos só cando a poboación protesta, polo que queremos advertir que non imos consentir que se reduza a atención horaria en Castrelo.  Cómpre sinalar que a poboación de Castrelo do Val ten, como é característico da zona de Monterrei e de Ourense, unha alta taxa de poboación avellentada, o cal ten como consecuencia a prevalencia de perfís pluripatolóxicos cuxa condición impide habitualmente o seu fácil desprazamento e implica habitualmente unha asiduidade aos servizos médicos e a necesidade de seguimento do paciente por riba do que adoitan precisar outros perfís. Polo tanto, é preciso garantir unha atención próxima e para evitar desprazamentos maiores, xa que no caso das persoas que viven nas zonas máis altas, como Campobecerros, xa son importantes.”

BNG pedirá no Parlamento que non se reduzan horas de atención primaria en Castrelo do Val