BNG obtén o compromiso de Patrimonio para revisar a restauración do cruceiro de Carracedo na Coruña

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Queixas denunciou a “falta de sensibilidade” da Xunta ao autorizar a restauración actual do cruceiro, un Ben de Interese Cultural alterado na súa composición e sen espazo de protección na estrada onde se atopa

O BNG levou ao Parlamento a situación do cruceiro de Carracedo, sito no lugar de San Vicenzo de Elviña, na Coruña, cuxa recente restauración amosa como a peza foi alterada na súa composición, as pedras están unidas con cemento á vista e carece de protección na estrada onde se atopa.

A portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, denunciou “a falta de sensibilidade” das administracións implicadas no proceso de restauración da peza, cuxo mal estado xa fora advertido pola veciñanza coruñesa o pasado febreiro. A peza, Ben de Interese Cultural (BIC), foi danada no transcurso dunhas obras na praza contigua onde se atopaba, o que alertou de novo á veciñanza.

A día de hoxe, criticou a deputada por A Coruña, despois da restauración aprobada pola Consellería de Cultura, “hai bastantes dúbidas de que esta solución final sexa a axeitada, con cemento á vista e sen protección, xa que está ao pé dunha estrada e cruzado por cableado eléctrico”. Ante o cal inquiriu se “a Dirección Xeral de Patrimonio é consciente das desfeitas nas pezas baixo a súa protección ou, o que sería aínda peor, se está conforme coa situación actual do cruceiro de Carracedo”.

Queixas, doutra banda, enxalzou o carácter da veciñanza, cun “alto compromiso en defensa do seu patrimonio”. Foron as veciñas e veciños, enxalzou, “quenes rescataron dos cascallos o cruceiro da antiga aldea, unha vez demolida, nun admirábel exemplo de iniciativa comunitaria á marxe das institucións”, e o colocou no emprazamento que tivo nas últimas décadas, na prazA Emilio Jaspe Deza, en Elviña.

A portavoz de Cultura recriminou a “falta de recursos humanos e escaso orzamento que o Goberno do PP adica ao coidado dos nosos bens patrimoniais máis prezados” e  concluíu emprazando á Consellería de Cultura a revisar o proceso de restauración executado, compromiso aceptado pola Dirección Xeral de Patrimonio.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG