BNG E MNLG piden poñer en marcha a Declaración do galego asinada por todas as forzas políticas

Marcos Maceira

Ana Pontón e Marcos Maceira reclaman modificar a lexislación para protexer o galego

Rolda de prensa BNG-MNLG

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón e o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira reclamaron hoxe en sede parlamentar poñer en marcha as medidas recollidas na Declaración en defensa do galego asinada por todas as forzas políticas o 15 de xullo.

A nacionalista lembrou que a Declaración incide en retomar iniciativas para normalizar o galego polo que reclamou que a Xunta dea pasos para dar credibilidade ao que propio Partido popular asinou co resto das forzas políticas.

Catro requisitos mínimos en defensa do galego

A deputada entende que a Declaración fai un chamado a rectificar a política lingüística que aplicou o Partido popular nos últimos anos e para o BNG e a Mesa pola Normalización Lingüística, dixo, existen catro cuestións básicas que deben ser abordadas: “ Elaborar un novo decreto do uso do galego no ensino, abrir novos espazos de presenza do galego nos medios de comunicación, recuperar a proba do galego eliminada polo PP para o acceso á función pública e restituír nos vindeiros orzamentos a cifra do ano 2009, entorno aos 20 millóns de euros, para a Secretaría de política lingüística. Estes, dixo, “serían uns compromisos mínimos que debería levar adiante o Partido popular” para dar cumprimento efectivo e real a Declaración impulsada pola Mesa de Normalización Lingüística.3

A parlamentaria recalcou que o galego está “nun momento crítico” e a Xunta debe actuar cumprindo as normas e as leis. O ensino, explicou, é unha peza fundamental e os propios datos da Xunta corroboran que un de cada catro menores de quince anos non sabe falar en galego o que evidencia que o “sistema educativo non garante o establecido polo Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística”.

Pontón concluíu anunciando a presentación de diversas iniciativas parlamentarias reclamando un cambio no Decreto do uso do galego no ensino e unha modificación da lei de Función pública para que a administración galega sexa más activa na defensa dos dereitos lingüísticos dos galeg@s falantes.

Marcos Maceira pide modificar a lexislación ante o retroceso do uso do galego

Pola súa parte, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira avanzou que no último trimestre do ano intensificarán os contactos con todas as forzas políticas co fin de pasar a Declaración asinada no mes de xullo, “do papel a realidade”.

Marcos Maceira

Maceira sumou os contactos aos concellos galegos e organizacións sociais e culturais que comparten a preocupación pola situación do galego. É hora xa, dixo, de “concretar as medidas da Declaración para eliminar os obstáculos que impiden avanzar conxuntamente como pobo para un novo acordo a favor do galego”, entre os que destacou: O actual decreto do ensino, a reforma da función pública que elimina a proba do galego así como a vulneración dos dereitos lingüísticos como aconteceu onte mesmo en Gondomar no que un cidadán foi informado pola Garda Civil que “unha denuncia non pode ser tramitada se non é en español”.

O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística insistiu na necesidade de modificar a lei de Función pública así como todas aquelas que vaian nesa dirección. Asemade, recalcou a necesidade de normalizar o galego e a Declaración, reiterou, “ é un paso para concretar medidas” nesa liña.

Maceira tamén denunciou o acontecido cunha menor no Centro Hípico Casas Novas en Arteixo á que lle impediron utilizar o galego con normalidade.

Finalmente, o presidente da MNL defendeu a lingua galega como “o maior sinal da nosa identidade” e se queremos que o noso pobo progrese no ámbito social, económico e político debe defender a súa lingua, “non queremos que Galiza fique a trás nesta cuestión”, manifestou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG