BNG logra no Congreso modificar a Lei de Portos do Estado para que sexa respectada a toponimia galega

Néstor Rego
Néstor Rego

“Trátase simplemente de que o Estado cumpra a lei e empregue a forma legal dos topónimos do noso país” sinalou o deputado do BNG nun debate que coincidiu co Día das Letras Galegas

A iniciativa defendida por Néstor Rego, contou co voto favorábel de todas as forzas políticas representadas na cámara agás VOX e C´s

O Bloque Nacionalista Galego conseguiu que fose admitida a trámite unha Proposición de Lei para modificar a lexislación vixente para garantir que sexa respectada a toponimia oficial na cartografía das capitanías e os distritos marítimos na Galiza. Durante a defensa da modificación da Lei de Portos do Estado e a Mariña Mercante, o deputado do BNG, Néstor Rego, lembrou que os galegos e galegas recuperaron oficialmente a toponimia propia en 1983, coa Lei de normalización lingüística da Galiza após “máis de 500 anos de intentos de castelanización da nosa sociedade e da nosa onomástica, da nosa  antroponimia, hidronimia e toponimia”.

Durante a defensa da iniciativa o deputado do BNG salientou a coincidencia do debate co Día das Letras Galegas e a mostra de apoio á normalización da nosa lingua que supuxo a mobilización convocada en Santiago de Compostela pola Plataforma Queremos. Mais lamentou que na normativa legal de aplicación -Real Decreto 638/2007- que regula as capitanías marítimas e os distritos marítimos aínda a día de hoxe sexa empregada toponimia deturpada “que afecta mesmo ás matrículas das embarcacións en provincias marítimas como a de Vilagarcía”.

“Temos que traer aquí a debate algo que debería ser motivo de vergoña: que a Administración do Estado cumpra a lei, en relación coa nosa toponimia” explicou na tribuna o deputado do BNG. De facto, “recuperamos oficialmente a nosa toponimia a partir de 1983” coa Lei de normalización lingüística da Galiza, que estabelece que “os topónimos terán como única forma oficial a propia, a galega. Por tanto, a Administración estatal debe respectala”.

No entanto, a realidade é que non se respecta: El Ferrol, Santa Eugenia de Ribeira, Isla de Arosa, Isla de la Toja, Isla Quiebra -por illa da Creba- etc… son exemplos que Néstor Rego utilizou para exemplificar o uso de nomes que legalmente non existen. “É máis, hai uns meses decorreu na  Illa da Toxa un Foro con participación do presidente do Goberno e do Borbón reinante no que se empeñaron en utilizar o nome Isla de la Toja. Houbo unha concentración de protesta pacífica convocada pola Mesa  pola Normalización Lingüística. Pois ben, a catro persoas participantes nela foilles aplicada por este goberno a Lei  Mordaza. É dicir, castígase e múltase a persoas que defenden a legalidade”, subliñou Rego

O deputado sinalou tamén que estes usos incorrectos afectaban a matriculación de barcos en distritos marítimos como o de Vilagarcía de Arousa, que agora é VILL cando debería ser VIL.

Rego lembrou que esta é unha vella demanda da sociedade galega e que xa en dúas ocasión se debateu sobre este uso deformado da toponimia da Galiza: unha Proposición Non de Lei aprobada por unanimidade no Parlamento da Galiza en 2006 e unha Proposición de Lei tamén unánime, enviada ao Congreso en 2008.

“Galiza ten unha inmensa riqueza toponímica derivada da nosa peculiar forma de habitar o territorio. En extensión Galiza representa 6% do Estado español, mais posúe case 60% dos núcleos de poboación -exactamente 58,6%, segundo o INE, máis de 61.000 núcleos” lembra o deputado do BNG. Todos eles teñen nome, igual que cada parcela de terreo, “por moi pequena que sexa, de medio ferrado ou de 30 metros cadrados, ten un nome, de forma que posuímos centos de millares de microtopónimos, unha riqueza onomástica e sociolingüística que, a pesar de todo, soubemos conservar”.

Rego enfatizou que foi a “inquebrantábel vontade do pobo galego” o que permitiu conservar a lingua e os nosos nomes de lugar a pesar de “máis de 500 anos de intentos de castelanización da nosa sociedade e da nosa onomástica, da nosa  antroponimia e toponimia”.

A Prposición de Lei do BNG contou co voto favorábel de todas as forzas políticas- PSOE, UP, PP, e as organizacións soberanistas- a excepción dos partidos de ultradereita, VOX e C´s, que votaron en contra da modificación da Lei e, polo tanto, en contra de respectar a toponimia propia da Galiza.

Para o deputado do BNG, coa admisión a trámite desta Proposición de Lei para modificar a Lei que regula as Capitanías Marítimas e os Distritos Marítimos “dáse un paso máis na conquista dos dereitos dos galegos e galegas que queremos poder vivir con normalidade na propia lingua desde que acordamos  pola  mañá até que nos deitamos pola noite”. De facto, simplemente “é unha cuestión de mínima coherencia e xustiza” segundo sinala o deputado nacionalista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG