CONGRESO

BNG logra que o Congreso aprobe reactivar a Comisión de Transferencias á Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego reivindica a totalidade das competencias pendentes previstas no Estatuto a comezar polas reclamadas reiteradamente polo Parlamento da Galiza.

Tráfico, seguranza viaria, seguranza pública, salvamento marítimo ou AP-9: algunhas das que xa se poderían comezar a tramitar nesa Comisión entre Xunta e Goberno do Estado.

BNG logra que o Congreso aprobe reactivar a Comisión de Transferencias á Galiza

O deputado do BNG, Néstor Rego, consegue que a Comisión de Política Territorial do Congreso aprobe unha Proposición Non de Lei deo BNG que pide ao Goberno reactivar a Comisión Mixta de Transferencias entre Goberno do Estado e Xunta para impulsar a transferencia á Galiza das competencias pendentes, comezando polas que veu reclamando por unanimidade o Parlamento Galego. Rego reprochou ao Partido Popular que, tras doce anos de goberno de Feixoo, o noso País non asumise  ningunha nova competencia e reivindicou o traslado inmediato das competencias en materia de tráfico, seguranza viaria e pública, salvamento marítimo ou infraestruturas como a AP-9.

“Nos últimos doce anos de goberno, de Feixóo e do Partido Popular, a Administración galega non asumiu nin reclamou unha soa competencia das previstas no Estatuto nin se preocupou por conseguir as reclamadas polo Parlamento da Galiza” subliñou Rego, que aludiu á intencionalidade do partido conservador de minguar a capacidade da Galiza de poder decidir sobre os seus asuntos. “As últimas negociacións de competencias producíronse polo impulso do BNG desde o Goberno galego, desde a Vicepresidencia da Xunta e tiveron lugar entre Anxo Quintana e a Ministra Elena Salgado lembrou o deputado nacionalista.

“O PP non é capaz de defender esa posición de rendición diante da cidadanía da Galiza e, consecuentemente, vota sistematicamente a favor das propostas que se realizan no Parlamento en reclamación de competencias, mais despois non move un dedo por asumilas efectivamente” criticou o deputado do BNG, que contrastou a posición submisa de Feixoo coa postura defendida desde sempre pola formación nacionalista de de que a Galiza avance na capacidade de decidir sobre os seus asuntos por si propia.

Aliás, Rego lembrou a necesidade de transferir as competencias “que son esenciais” como a de Tráfico, Transportes e Seguranza viaria e Seguranza pública. Destacou que desde o ano 2007 está aprobada a Lei de Policía Galega “que non foi desenvolta, mais a Galiza está preparada para asumir esa competencia se realmente hai vontade por parte do Goberno”.

A iniciativa do BNG foi apoiada maioritariamente , após unha emenda negociada co Partido Socialista.

Autoestrada do Atlántico, a camiño de ser galega

No que ten a ver coa AP-9, a formación nacionalista sinala que debe ser unha das infraestruturas que se transfiran, unha vez que se complete a tramitación que vén de aprobar o Pleno do Congreso. Rego considera que o traballo neste organismo non obstaculizaría outras liñas de actuación sobre a autoestrada para “rematar cos abusos da concesionaria e aplicar as medidas asinadas co BNG no acordo de investidura”.

Gobernar desde o País con criterios que defendan os intereses da Galiza

Para ilustrar a necesidade de que a Galiza teña competencias e capacidade para decidir, Rego aludiu a que onte dúas Conselleiras da Xunta de Galiza reclamaban  a competencia de Ordenación do Litoral, que agora se ve como necesaria debido á problemática xurdida co artigo 18 da nova Lei de Cambio Climático, que o BNG solicita eliminar xa que “é gravemente lesivo para os intereses da Galiza e, en concreto, de todo o complexo mar-industria alimentaria, de pequenas e medias empresas vinculadas á economía local e costeira, sustentábeis e respectuosas co medio ambiente”. Para o BNG, un problema xerado porque “se lexisla desde Madrid, con criterios uniformes para todo o Estado mais para realidades diferentes”.

Así mesmo, a organización nacionalista reclamou tamén as competencias en Salvamento Marítimo e no eido da investigación: “o BNG trouxo a este Congreso unha iniciativa sobre a transferencia dos dous centros na Galiza do Instituto Español de Oceanografía que foi rexeitada cos votos en contra das forzas estatais” destacou Néstor Rego durante a súa intervención.

BNG logra que o Congreso aprobe reactivar a Comisión de Transferencias á Galiza