O BNG logra o apoio unánime do Parlamento para pedir a transferencia a Galiza das bolsas de estudo

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil destaca que permitiría adaptar estas axudas á realidade galega con máis autogoberno, xestionando unha competencia que “usurpa” o Estado

O BNG logra o apoio unánime do Parlamento para pedir a transferencia a Galiza das bolsas de estudo

A portavoz parlamentaria de Educación, Olalla Rodil, logrou o apoio unánime da Cámara á proposta do BNG de reclamar para Galiza a transferencia das bolsas de estudo, o que lle permitiría á Xunta xestionar unha competencia que agora “usurpa” o Estado, -como ten sentenciado xa o Tribunal Constitucional-, incrementar o autogoberno e usar esa nova competencia para adaptar as axudas á realidade do alumnado galego.

“Esta proposta defende e amplía o autogoberno do noso país,  pois conta con competencia plena en materia de ensino mais o sistema de bolsas depende do Ministerio de Educación e arrastra enormes problemas de xestión que están a prexudicar ao alumnado, fundamentalmente universitario”, explicou Rodil na defensa da proposición non de  lei que será votada no pleno de mañá.

A petición unánime desta transferencia inclúe que veña acompañada da dotación orzamentaria e do persoal correspondente, tendo en conta que no curso 2018/2019,  case 27 mil estudantes solicitaron una bolsa para cursar os seus estudos universitarios, mais só foron beneficiarias 18.000 persoas cunha media de 2.000 €.

“É unha contía que está lonxe de cubrir as necesidades económicas do alumnado, especialmente daquelas persoas que se ven obrigadas a marchar da casa e, ademais, foi reducíndose nos últimos anos como consecuencia dos recortes aplicados desde 2013 polo Goberno español nesta materia. Así, en 2012 a axuda media situábase en 2.700 euros para o alumnado galego”, explicou a portavoz de Educación.

O Bloque considera que a transferencia permitirá corrixir as actuais deficiencias dunha xestión centralizada: insuficiencia nas axudas e retrasos no pagamento, “obrigando ás familias a asumir costes moi elevados” do que se benefician as entidades financeiras, “como o todopoderoso Banco Santander que fai negocio coa necesidade do alumnado a través das súas oficinas nos propios campus”.

No caso de Galiza, aos problemas de xestión súmase “a discrecionalidade” coa que se actúa na aplicación de determinados criterios, entre eles o patrimonio.

“Especialmente gravoso para as familias do rural, xa que con independencia do nivel de renda familiar, a aplicación dos actuacións criterios do Ministerio provocan unha denegación sistemática das axudas sen ter en conta que superar determinado patrimonio no rural non implica un alto nivel de renda. Madrid descoñece e non ten en conta a realidade social e económica galega”, indicou Rodil, unha cuestión que a xestión desde aquí corrixiría.

O Bloque salientou na súa argumentación que é hora de que a Xunta “faga valer as competencias que ten o noso país”, e reclame a transferencia das bolsas que xa ten Euskadi e Catalunya.

A transferencia, salientou a viceportavoz nacionalista, permitirá un sistema máis eficaz e áxil, que corrixa os desequilibrios actuais tendo en conta as especificidades do noso país.  E, en segundo lugar, afonda no autogoberno en liña co  acordo impulsado polo BNG en xaneiro de 2019 e que concitou o apoio unánime do Parlamento, de cara a poñer fin a dez anos de Goberno de Feixóo sen que lograse nin unha soa nova transferencia para Galiza.