BNG logra o acordo do Parlamento para esixir criterios de reparto xustos coa frota galega nas compensacións polo Brexit

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez reclama prioridade para os territorios máis dependentes da pesca e que se teña en conta o total de augas británicas nas que pescan

O BNG acadou a unanimidade do Parlamento galego para demandar do Goberno estatal uns criterios de reparto para as compensacións para o sector pesqueiro da Reserva de Axuste Brexit (BAR) nos que se teñan en conta preferentemente a aqueles territorios do Estado afectados polo Brexit que, como o caso galego, son máis dependentes da pesca, así como o impacto nos sectores económicos relacionados coa mesma e o conxunto das augas británicas nas que faenan.

O acordo parlamentario impulsado polo Bloque tamén inclúe que a xestión dos fondos pesqueiros do BAR sexa asumida en Galiza pola Xunta, así como o desenvolvemento de plans de soporte económico e social ao sector pesqueiro e ás zonas máis afectadas de Galiza polo Brexit acordado pola Unión Europea e o Reino Unido.

Segundo explicou a portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, na defensa desta proposición non de lei, só 2,2 millóns de euros dos 600 articulados no BAR en 2020 para compensar ao sector pesqueiro comunitario polo Brexit, é dicir, o 0,35% do total, corresponden ao Estado español, cando xa naquel momento as capturas dos buques do Estado en augas británicas representaban arredor do 1% do conxunto dos da frota europea.

Para Pérez, os criterios de reparto empregados foron ademais “cuestionábeis e discriminatorios”, por centrarse no valor do peixe capturado no Reino Unido por cada Estado membro, ponderado pola súa dependencia das augas británicas, e non ter en conta outros caladoiros británicos fóra do Gran Sol, nin tampouco a cesión da cota de bacallau de Svalbard, onde a frota do Estado español perdeu gran parte das posibilidades de capturas que acaparaba.

“É un orzamento para o sector pesqueiro totalmente insuficiente en relación co conxunto do da Reserva de Axuste e unha porcentaxe absolutamente irrisoria no caso do Estado español que vai afectar gravemente a Galiza”, advertiu, logo de reprochar o “nulo interese” que ten o sector pesqueiro para a UE e para o Estado español, que non quixo facer cuestión desta discriminación e si centrar todos os seus esforzos en favor do debate dos fondos de recuperación.

A deputada nacionalista recordou que, segundo os estudos feitos polo propio sector, as perdas para a frota galega que pesca nos caladoiros británicos ascenderon a 9 millóns de euros só no ano 2021 e sen contar cos demais sectores da cadea que se verían afectados. Neste sentido, concluíu que o BAR é un agravio máis para unha frota que vén perdendo dereitos e posibilidades de pesca continuadamente dende hai anos e que ademais, agora, queda a expensas dunhas negociacións anuais após o 2026 que lle impiden planificar o seu futuro e que condicionan os seus investimentos. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG