O BNG levará directamente a voz da pesca galega a Bruxelas

Cumprindo o compromiso electoral de ser “a voz de Galiza en Europa” o BNG levará a próxima semana a Bruxelas a unha ampla representación do sector pesqueiro e marisqueiro galegos para que defenden directamente os seus intereses ante a reforma da Política Común de Pesca.

A visita, que se producirá os vindeiros 28 e 29 de agosto e que está organizada polo BNG, inclúe unha entrevista coa máxima autoridade en política pesqueira da Unión Europa, a Comisaria de Pesca María Damanaki, á que lle exporán as demandas da flota galega tanto ante a reforma da PCP, así como a necesidade de modificar o acordo pesqueiro entre a UE e Mauritania, que exclúe á flota cefalopodeira galega.

Na rolda de prensa de presentación para presentar esta visita, o portavoz de Pesca do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira lembrou que “o BNG é crítico coa PCP polos seus negativos resultados para a flota galega”. Por iso, salientou que “con esta interlocución directa ante a Comisaria de Pesca, María Damanaki, queremos facer o que nunca se fixo: facer chegar directamente a Bruxelas a voz do sector pesqueiro galego”.

A este respeito, Bieito Lobeira puxo en valor “a presenza do BNG no Parlamento Europeo, que con só unha eurodeputada, Ana Miranda, fai o que debería ter feito o goberno galego”.

Liñas que defenderá o BNG ante a reforma da PCP

A continuación, o deputado nacionalista expuxo as liñas básicas que defenderá o BNG ante a reforma da PCP:

-Que no mar de Galiza manden os galegos. Que se respeite a capacidade de Galiza en política pesqueira.

-Que Galiza estea en pé de igualdade con outras flotas comunitarias, rematando coas discriminacións no acceso aos caladoiros.

-Que haxa menos cartos da UE para despeces, turismo e acuicultura industrial e máis para o marisqueo, para a pesca artesanal e para a recuperación do mar.

“O BNG fai o traballo que debería facer o goberno de Feijoo”

-Que a flota artesanal galega precisa máis potencia nas súas embarcacións para poder faenar en condicións de seguranza porque o noso mar non é o Mediterráneo.

-Que haxa un control das importacións e unha identificación da orixe dos produtos pesqueiros.

A proposta da Comisión para a pesca artesanal deixa fóra ao 60% da flota artesanal galega

Pola súa parte, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, asegurou que “esta visita a Bruxelas forma parte dos compromiso adquiridos polo BNG na campaña das eleccións europeas de 2009: o de levarmos a voz de Galiza a Bruxelas”.

Ana Miranda subliñou que “Galiza xógase a súa pesca artesanal e o seu marisqueo na reforma da PCP e por iso organizamos esta visita, para defender directamente os intereses específicos de Galiza ante as autoridades da Unión Europea”.

Neste sentido, defendeu que “a reforma da PCP non se debe facer de costas ao sector da pesca artesanal e por iso presentamos máis de cen reformas aos documentos para a reforma da PCP”.

Estas emendas do BNG inclúen un fondo específico de axudas para a pesca artesanal; que non estea sometida ao sistema de tax e cotas e tamén que quede excluída do sistema de cotas transferibles, que si pode ser útil para a sector pesqueiro de máis dimensión.

Ademais, Ana Miranda, advertiu de que “a definición de pesca artesanal que propón a Comisión Europea, baseada só nos metros de eslora -12 metros-, deixaría fóra ao 60% da flota artesanal galega. ,

Pola contra, salientou que “a definición que propón o BNG de pesca artesanal é de embarcacións de até 15 metros de eslora, que faenen en mareas de non máis de 36 horas, embarcacións de tipo familiar e que utilicen artes selectivas que protexan o medio ambiente”.

 

http://youtu.be/fg17LSdiYv0

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG