O BNG leva a estafa das peaxes e a “ópera bufa” do centro europeo de bivalvos o último pleno de 2017

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón pide a Feijóo que deixe de buscar culpables e aporte solucións aos problemas de Galiza, “senón que  marche para casa”

O PP “apisoadora” rexeita as 324 emendas e só admite cambios para que os concellos actúen nas franxas de protección, pero sen aportar recursos

O BNG leva a estafa das peaxes e a “ópera bufa” do centro europeo de bivalvos o último pleno de 2017

O BNG leva ao último pleno ordinario do ano a estafa das peaxes da AP-9 e o fiasco do Centro europeo de bivalvos, tras publicarse que o Estado español coñecía e mesmo votou a favor da supresión deste organismo antes de que a Xunta presentase a candidatura de Galiza para tomar o relevo de Londres tras o Brexit.

Para o BNG, ambas cuestións son un exemplo máis do custe da irrelevancia política á que Feijóo conduce a Galiza coa súa estratexia de subordinación e servilismo a Rajoy.

“É un escándalo que tras o veto á transferencia o Estado nos agasalle cunha nova subida da AP9 que duplica a media doutras autoestradas, e mentres tanto Feijóo instalado no nadismo, non fai nada salvo xustificar a AUDASA, nada salvo xustificar a Rajoy”, criticou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a Xunta de portavoces, onde lembrou que si hai 4.000 M€ para rescatar as radiais madrileñas.

“Unha vez máis Feijóo deixa de lado aos galegos e galegas, e cada día 20.000 [email protected] van ver como a estafa das peaxes se ceba nas súas economías co apoio cómplice do presidente”, recalcou. “Para plantar cara a esta nova tomadura de pelo”, o BNG presenta unha moción con dez puntos na que se reclama que, “como mínimo”, AUDASA poña en marcha rebaixas e bonificacións como as que teñen o resto de autoestradas do Estado.

Con esta iniciativa, indicou Pontón, a formación nacionalista pretende superar a inacción política de Feijóo ao que pide que deixe de buscar culpables e aporte solucións aos problemas de Galiza. “Se como presidente deste país, ante esta nova estafa, o único que ten que dicir é que a culpa é de Zapatero ou de quen xa non está no Ministerio de Fomento, que non pode facer nada, pois que nos aforre a súa incompetencia e a súa incapacidade e que marche para casa”, instou.

Pontón cualificou de “ópera bufa” o fracasado intento de albergar o Centro europeo de bivalvos, un enredo para o que a dirixente do Bloque só ve dúas posibilidades: “Ou ben o Goberno galego, con Feijóo á cabeza, non se entera de nada, ou todo se limitou a unha operación propagandística para vender fume. En calquera caso, o Parlamento merece unha explicación”, salientou.

A estratexia de subordinación a Madrid e o custe para Galiza motiva a  pregunta que Pontón dirixirá a Feijóo na última sesión de control deste período de sesións, a quen interpela sobre a súa capacidade para dar solucións aos problemas do país, máis aló de buscar culpables: “É competente ou vai seguir instalado na incompetencia e culpando de todo ao bipartito, Zapatero, ao proceso de Catalunya ou ao cupo vasco?”.

Mentres, máis peaxes, retrasos no AVE, falta de orzamentos para modernizar o ferrocarril de proximidade, ausencia de posición oficial para acadar un sistema de financiamento xusto son, para a dirixente do BNG, algunhas das facturas da irrelevancia política do presidente da Xunta.

Orzamentos sen ambición

O último pleno tamén deixará definitivamente aprobados os orzamentos de 2018, que para o BNG son o reflexo “da diagnose errada e autocompracente do Goberno, instalados na verdade oficial do país das marabillas no que todo vai vento en popa, ignorando o paro, a precariedade laboral, a emigración, o aumento da desigualdade ou a asfixia da cultura e da lingua galegas”.

Pontón criticou que o PP se puxera de novo en modo “apisoadora” para vetar as 324 emendas presentadas ás partidas de gasto, co ánimo de paliar uns orzamentos “sen ambición e sen proxecto de país”.

Si superaron o veto popular 20 das 47 emendas presentadas á Lei de acompañamento, entre as que destacan as que permiten dar seguridade xurídica aos concellos e podan actuar subsidiariamente para garantir as franxas de protección contra o lume no caso de abandono por parte dos propietarios. No fondo, indicou a portavoz nacional, “unha autoemenda do PP en materia de política forestal”.

Sen embargo, a Xunta rexeitou habilitar unha partida orzamentaria para facilitarlle aos concellos a execución das franxas de seguridade anti lumes, “e todos sabemos que a maior parte dos concellos están afogados por Montoro”, indicou Pontón, quen non da por perdida a batalla para conseguir recursos orzamentarios para que a medida teña unha eficacia real.